café con nós

Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Sen organizar e promover o conflito, non hai avance en dereitos"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, primeira central sindical en número de delegadas e delegados na Galiza, acudiu na segunda feira á redacción de Nós Diario para participar do terceiro 'Café con Nós', horas antes de que acontecera a apagada eléctrica. Neste encontro coas e cos xornalistas deste medio, Carril analizou a situación laboral na Galiza e salientou os retos da central sindical que lidera ás portas dun 1º de Maio.

—Ás portas do 1º de Maio, cal é a reivindicación central da CIG? Melloraron as condicións respecto a antes do estoupido da pandemia?
Convocamos este 1º de Maio con 17 mobilizacións no país baixo o lema 'Traballo, dereitos e soberanía. Galiza contra as guerras” nun chamado a mobilizarnos para dar unha resposta á situación actual de belicismo que estamos a vivir e que pon en cuestión o traballo, os dereitos e a soberanía do noso país. Pretendemos, ademais nesta nova ofensiva do capital, dar unha resposta nunha xornada internacional como representa o 1º de Maio. Hai unha situación hoxe que segue avanzando, unha problemática real de precarización cada vez maior do conxunto da clase traballadora. A última reforma laboral implantou a pobreza laboral institucionalizada e legalizada. Hai que ter en conta que, segundo os últimos datos de emprego publicados, 60% dos contratos están precisamente ligados ao que son as novas modalidades que representan o que antes era temporalidade e que era o elemento que expresaba a precariedade e hoxe é todo o que ten a ver coa parcialidade e cos traballadores fixos-descontinuos. Por tanto, hai un dobre efecto que é un retroceso na calidade do emprego, na estabilidade e na certeza do traballo, e tamén dos ingresos, máis alá do impacto que despois tivo todo o que ten a ver coa carestía da vida. Hai un medre de 125% da contratación a tempo parcial e fixo-descontinua no último ano. É unha evidencia de que a precariedade segue estando moi presente e cada vez aumenta máis.

—No lema do 1º de Maio teñen a cuestión da soberanía. Como se conxuga esta reclamación cunha data internacional?
Nun momento como actual, o que Galiza sume contra a guerra é a expresión precisamente da achega que podemos facer para a construción dun mundo máis xusto e que faga real o 'Proletarios de todos os países, unídevos' e, de algunha forma, avanzar nunha mellora dos dereitos para a clase traballadora galega. Nese sentido, a loita pola mellora das condicións de traballo e pola emancipación social está ligada a poder avanzar tanto na propia idea da soberanía como na capacidade de decidir sobre a nosa economía, sobre os nosos recursos.

—Conmemoramos esta semana o Día da Seguridade no Traballo. 2024 deixou 58 mortes en sinistros laborais na Galiza, 16% máis que o ano antes.
A precariedade é a principal causa da sinistralidade laboral. Hai unha relación causa-efecto directa. Hai permisividade ante esta precariedade e a falta de medidas de seguridade, existe unha desatención por parte da Xunta da Galiza e do Ministerio de Traballo que fai posíbel a impunidade empresarial ante a falta de medidas de seguridade. E hai outro elemento, tamén importante, de carácter galego: perto de 23% da poboación ocupada na Galiza ten máis de 55 anos. Porén, o elemento principal lígase coa precariedade e, por tanto, co retroceso de dereitos e coa capacidade de reivindicalos, sumada a unha lexislación que é permisiva e que está sen actualizar desde hai anos. Non hai a contundente acción dos poderes públicos para combater a sinistralidade laboral.

—Hai unha realidade alén das cifras oficiais: os accidentes laborais que non saen á luz, sobre todo na construción, caídas dun tellado que requiren de baixa médica pero rexéitase para que cando acabe a obra e haxa que buscar novo traballo esa empresa ou a seguinte non te descarte... Que faría falta para evitar esta realidade?
No último acordo de pensións anunciado en xullo do ano pasado e asinado o 19 de setembro de 2024 polo Goberno, UXT, CCOO e a patronal, hai un apartado que significa un novo varapau á integridade, solidez e consolidación dun sistema público de pensións digno. Aquelas empresas nas que se constate e se corrobore que teñen unha menor sinistralidade laboral veranse beneficiadas nunha redución das cotizacións á Seguridade Social. É evidente que dá a entender que o que formulabas pode estar pasando. Isto significa avanzar un chanzo máis na temporalidade. 16% dos contratos que se están realizando son temporais, pero, sumado á modalidade de temporalidade que significa ser fixo-descontinuo, ou ter unha parcialidade. Fata tamén recuperar nos convenios colectivos de complementos e prestacións que garantan non ter un segundo castigo despois dun accidente se estás de baixa. En paralelo, hai unha acción pública moi grave: ás mutuas danlles plenos poderes para estar enriba das persoas que teñen accidentes, que están de baixa, e danlles carta branca até extremos de vulneración da intimidade e da dignidade das persoas. Ademais, as políticas que fai o Goberno español teñen os seus efectos multiplicadores en máis dun Goberno do PP, sendo máis radicais. O protocolo da Xunta de feito é dar altas a tutti quanti. Por tanto, hai un problema real onde se inventa o absentismo, elemento que parece xustificar toda esta barbaridade que a CIG vén denunciando.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto Clara Xanthina)

—Prevese que o Consello de Ministros aprobe esta semana a Lei de redución da xornada laboral. Como levala a cabo sen que implique unha redución salarial?
En primeiro lugar, abórdase unha reforma que se presenta como se estivésemos conseguindo un avance de dereitos cando, en realidade, estase a falar dunha redución da xornada a 37,5 horas. O debate debera ser sobre a base das 35 horas incuestionábeis e se camiñamos cara ás 32, tendo en conta a elevada xornada laboral anual do Estado e máis aínda na Galiza. Sendo un avance e unha mellora respecto ao actual, non é o que o movemento obreiro leva anos propondo. En segundo lugar, hai un pecado orixinal: esta negociación faise negando a característica de sindicato máis representativo que ten a CIG. Na consulta que nos fixo o Ministerio xa advertimos tres cuestións: a proposta fainos dubidar de que realmente se poida saír media hora antes do traballo porque, tal como está escrita a norma, fai o cómputo anual e non semanal; e xa existe na negociación colectiva unha xornada laboral que agora vai estar plasmada nun cambio lexislativo. Por tanto, hai unha realidade que supera o que poida estar plasmado neste decreto.  

—O 24 de maio a CIG realizará o seu XIV congreso. Chegan á cita  como primeira forza sindical e cun aumento de afiliación, segundo recollen nos textos. A que se debe que na Galiza a CIG medre malia certo descrédito xeneralizado no Estado cara aos sindicatos?
Hai un elemento fundamental no modelo sindical que proclamamos e que neste congreso recordamos e actualizamos, é un modelo sindical para transformar a realidade. Precisamente, se hoxe somos a primeira central sindical en representación sindical e en afiliación é partindo de que, sen organizar e promover o conflito, non hai posibilidade de avanzar en dereitos e de transformar a realidade. O tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é o tempo que perdemos en gañar en dereitos. A folga é o camiño para afrontar un conflito e para deseñar unha planificación e preparación. O noso modelo sindical pretende seguir asentado neses principios que son, precisamente, principios e elementos fulcrais desde que naceu o sindicalismo nacionalista en 1972, tanto nas loitas de Ferrol como Vigo. Isto fai posíbel que veñamos tendo ese aumento da representatividade sindical tanto en número afiliación como de delegados e delegadas.

—E, tal e como sinala, para un sindicalismo que ten como eixo a acción nos centros de traballo desde 1972, como afronta agora realidades como teletraballo absoluto, falsos autónomos...
Neste cambio tan radical que temos da realidade do traballo hai unha experiencia de falsos autónomos, o exemplo da loita que protagonizamos en Coren, onde se daba unha expresión retorcida de combinación de falso autónomo coa figura de socio cooperativista. Fomos capaces de rachar iso de e conseguir que na industria cárnica se extinguira esa forma de explotación. Temos experiencia, temos presenza maioritaria no sector das TIC... Organizar e afiliar segue sendo imprescindíbel para avanzar en dereitos e poder despois chegar a todas as persoas traballadoras, estean presentes no posto de traballo ou non.

—A semana pasada presentaron un documento sobre o espolio enerxético con alternativas.
O chamado da UE á Autonomía Estratéxica confirma o formulado polo PP desde hai anos para o noso país: un deseño industrial que perpetúa o espolio, a depredación e un modelo industrial de enclave onde as empresas e os fondos de investimento explotan recursos sen importar o deterioro social, económico e ambiental que producen. En canto a Altri, cada vez dificúltaselle máis ao Goberno galego, hai un clamor popular en contra, e o Goberno español debe ter unha posición máis firme e contundente.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—Na semana do 1º de Maio, adoitamos ver nas televisións públicas e privadas estatais entrevistas a líderes sindicais. Verémolo a vostede na TVG?
A última entrevista que me fixo a TVG desde que son secretario xaral foi en 2017, cando me elixiron no congreso da CIG, logo pedíronme un pequeno vídeo no 1º de Maio na pandemia e houbo unha breve conexión duns segundos. Cada ano denunciamos a información sobre esta data, falan máis do que acontece o 1º de Maio en calquera parte do mundo que na Galiza, por iso tamén tivemos un papel importante á hora de promover con 40 entidades unha ILP para liberar a CRTVG e pola ao servizo do pobo.

Lugares da Galiza, dos últimos en recuperar a luz malia ser produtores de enerxía

Após a realización desta entrevista na redacción do xornal e o apagamento eléctrico da segunda feira, Nós Diario volveu contactar esta terza feira con Paulo Carril, secretario xeral da CIG, a respecto da falta de enerxía que afectou a península Ibérica. "É lamentábel que o Goberno galego só tivera como decisión ceder competencias ao Executivo español", sinalou en referencia á decisión de Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, de pedir o nivel de alerta 3 para que se puxese o Estado á cabeza da xestión da crise.

"Resulta difícil de entender que na Galiza tendo tanta capacidade de xeración eléctrica nos víramos con tanta tardanza en voltar á normalidade", afirmou Carril pola mañá, pondo o exemplo de vivendas de Touro situadas ao carón de encoros e instalacións de xeración eléctricas que aínda estaban sen luz. "Preocúpanos tamén que isto veña a reforzar discursos reaccionarios que indican que a alternativa pasa por un kit de racionalización....". E remarca, "as nucleares non son a solución".