O paro baixa en 4.387 persoas en xuño na Galiza, que fica con 107.254 persoas desempregadas

A Seguridade Social gana 7.844 afiliadas, até as 1.102.651 persoas.

Traballadores durante a súa xornada laboral nos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Traballadores durante a súa xornada laboral no Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 4.387 persoas en xuño na Galiza en relación co mes anterior (-3,93%), até situar o total en 107.254 persoas desempregadas, segundo os datos que publica esta cuarta feira o Ministerio de Traballo e Economía Social.

En comparación coas cifras de hai un ano, na comunidade galega hai 10.684 parados menos, o que representa unha caída de 9,06%. No conxunto estatal, o paro rexistrado reduciuse en 48.920 persoas en xuño respecto a maio (-2%) debido, sobre todo, ao sector servizos, que concentrou algo máis de tres cuartas parte do descenso do desemprego.

Comportamento por sectores

Por sectores de actividade, o paro retrocedeu en 3.251 persoas desempregadas nos servizos, en 373 na industria, en 178 na construción e en 146 na agricultura. O paro no colectivo sen emprego anterior caeu en 439 persoas.

Entre as persoas estranxeiras, o desemprego afecta a 9.719,na Galiza, que son 632 menos que o mes anterior (-6,11%) e 98 menos que en xuño do ano pasado (-1%). Polo que se refire ás persoas demandantes de emprego, 179.794, repártense entre 35.168 ocupadas e 118.422 non ocupadas, xunto a 26.204 que indican na súa solicitude condiciones especiais de traballo.

Contratos

Ademais, na Galiza asináronse 72.605 contratos en xuño, 10.484 máis que en maio, o que supón unha alza de 16,88%. E son 6.334 máis que no mesmo mes do ano anterior (+9,56%). Deles, 51.965 foron temporais (+19,83% mensual) e 20.640 indefinidos (+10,4%). No acumulado son 334.557 contratos, 109.124 indefinidos (32,62%) e 225.433 temporais (67,38%).

Por último, no que se refire ás prestacións –datos correspondentes a maio–, o gasto ascende a 86,45 millóns na comunidade, cun total de 65.246 beneficiarios.

Datos estatais

No conxunto do Estado, tras a caída de xuño, o número total de persoas desempregadas situouse en 2.405.963 persoas, a súa menor cifra nun mes de xuño desde 2008, subliñou o ministerio, que remarcou que o paro baixou no sexto mes do ano en todos os sectores, en todos os territorios e en todas as fainxas de idade. O descenso do desemprego rexistrado o mes pasado é algo superior á caída de xuño de 2024 (-46.783 parados), pero inferior á de xuño de 2023, cando o paro retrocedeu en 50.268 persoas.

Desde o inicio da serie histórica comparable, en 1996, o paro reduciuse en todos os meses de xuño con excepción de 2008 (+36.849 desempregados, en plena crise financeira) e 2020 (+5.107 parados, coa Covid). O maior descenso nun mes de xuño produciuse en 2021, cando case 167.000 persoas abandonaron as listas do desemprego.

En termos desestacionalizados, o paro rexistrado diminuíu en xuño en 16.834 persoas respecto ao mes anterior. No último ano, o desemprego acumula un descenso de 155.104 persoas, o que supón un 6% menos, cun retroceso do paro feminino de 85.320 mulleres (-5,5%) e unha caída do desemprego masculino de 69.784 homes (-6,9%).

Crecen as afiliacións

Por outra parte, a Seguridade Social gañou unha media de 7.844 persoas cotizantes en xuño con respecto ao mes anterior (+0,72%), de modo que situou, na Galiza, en 1.102.651 afiliadas, segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Son 17.780 persoas máis dadas de alta na Seguridade Social, o que representa un aumento do 1,64%. Por réximes, as cotizantes galegas repártense entre o xeral, con 879.662 afiliadas, 205.113 que son autónomos e 17.875 traballadores do mar.

No conxunto do Estado, a Seguridade Social gañou unha media de 76.720 cotizantes en xuño con respecto ao mes anterior (+0,3%), grazas, entre outros factores, ao impulso do comercio e a hostalería, que sumaron conxuntamente máis de 57.000 novos afiliadas no mes.

Case todo o incremento de ocupados concentrouse nos homes, que se fixeron con 75.629 novos empregos, aínda que iso non impediu que se alcanzase un novo récord de afiliación feminina, con máis de 10,3 millóns de mulleres traballando en todo o Estado.

Na valoración dos datos as forzas sindicais son críticas. Francisco Sío (CIG) considera que amosan "a consolidación dun mercado laboral cada vez máis precario e dependente do sector servizos, no que a parcialidade da contratación e os baixos salarios dominan".

Aser Sanz (UXT) pon o foco na  parcialidade "especialmente a parcialidade involuntaria, que afecta a 44%" polo que afirma que "non podemos caer na autocompracencia".

Pola súa parte, Maica Bouza (CCOO) reclama traballo "de calidade tras unha mellora estacional do mercado laboral: cómpren políticas sectoriais para diversificar actividade e consolidar a creación de emprego".

Comentarios