O sector servizos fai baixar o paro mentres medra o desemprego na industria, a construción e o agro

Dúas persoas camiñando diante dunha oficina de emprego en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario).
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 12.718 persoas en 2023 na Galiza, até as 129.504 persoas desempregadas.

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 12.718 persoas en 2023 na Galiza, até as 129.504 persoas desempregadas, o que supón un descenso de 8,94% respecto ao remate de 2022, segundo informa esta cuarta feira o Ministerio de Traballo e Economía Social. Desta maneira, o paro caeu no país por riba da media estatal, xa que no total do Estado español esta cifra reduciuse en 4,59%, con 130.197 desempregados menos en 2023, até algo máis de 2,7 millóns de persoas sen traballo.

Só en decembro, as oficinas de emprego galegas reduciron en 1.664 o número de persoas paradas, un 1,27% menos que un mes antes. Por sectores, a caída do paro no último mes de 2023 na Galiza aglutinouse nos servizos, con 1.637 persoas desempregadas menos, e naqueles cidadáns sen un emprego previo (-309). Pola súa parte, o resto de sectores incrementaron a cifra de parados, coa industria á fronte (151), seguida da construción (108) e da agricultura (23).

Dos 129.504 parados galegos a feche de 2023, 4.386 corresponde á agricultura, 13.080 á industria, 8.958 á construción e a gran maioría, 91.675 (70,7%), aos servizos, así como 11.405 eran persoas que non tiñan emprego previo. Ademais, o 57,7% dos parados galegos son mulleres, mentres que un 4,1% teñen menos de 25 anos.

En canto á contratación, en 2023 realizáronse 724.405 contratos no país, dos cales un 32,46% foron indefinidos, con 235.109 unidades. Só en decembro asináronse 48.743 contratos. Así, o total de beneficiarios de prestacións por desemprego na Galiza era en novembro (último dato) de 85.014 persoas, das cales 40.282 cobraban unha prestación contributiva e outras 40.312 o subsidio. Tamén 4.420 cidadáns percibían a renda activa de inserción.

Andalucía e Canarias, en cabeza

O paro descendeu en 2023 en todas as comunidades autónomas, especialmente en Andalucía (-32.157 desempregados), Canarias (-15.315), País Valencià (-13.722), Galiza (-12.718) e Castela e León (-9.376). En valores relativos, o maior retroceso do desemprego foi para Balears (-11,5%), seguida de Aragón (-9,5%) e de Galiza.

Pola súa parte, os menores descensos anuais do desemprego en termos absolutos déronse nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, con 16 e 408 parados menos, respectivamente, que en 2022, e na Rioxa, que restou 1.033 desempregados no ano.

Segundo os datos de Traballo, o paro rexistrado entre os estranxeiros diminuíu en 2023 en 3.559 desempregados (-1%) respecto a 2022, até situarse o total de inmigrantes en desemprego en 355.910, o que supón 1.529 parados menos dos que había en novembro (-0,4%).