O paro alcanza en Galiza o seu máximo histórico

paro, desemprego

Os dados publicados na Enquisa de Poboación Activa reflicten unha taxa de desemprego no noso país do 23,20%, é dicir, 296.900 persoas, 16.000 máis que no último trimestre de 2013. A taxa de ocupación sitúase por vez primeira por baixo do millón de persoas.

 

Esta terza feira (29 de abril) fixéronse públicos os dados de desemprego correspondentes ao primeiro trimestre de 2014. No noso país, a taxa de paro sitúase no seu máximo histórico con 296.900 persoas sen traballo (o 23,20%). 

Esta cifra reflicte un incremento de 16.100 persoas en relación cos dados do último trimestre de 2013, unha diferenza do 3.14%. A maior variación á alza do conxunto do Estado, xunto coas Illes Balears. Na comparativa interanual tamén se produciu un aumento de 9.100 persoas no número de parad@s. 

Menos dun millón de persoas ocupadas

Así mesmo a taxa de ocupación en Galiza sitúase por vez primeira por baixo do millón de persoas (982.800) un 2% menos que no trimestre anterior, é dicir, 19.800 persoas menos que a finais de 2013. Aliás, os sectores onde a diminución da ocupación foi maior foron a construción, a agricultura e a pesca. Nestes dous últimos perdéronse 5.700 empregos. 

Continúa a aumentar o desemprego xuvenil

En relación á taxa de paro por faixas de idade o número de desempregad@s menores de 30 anos continúa en aumento e sitúase xa no 40,2%, dous puntos máis que no trimestre anterior. No noso país das 351.800 persoas entre 16 e 29 anos o 33,3% (117.000) están ocupadas, 78.800 no desemprego e as 156.000 restantes son inactivas. 

O desemprego xuvenil sitúase no 40,2% en Galiza e no 55,5% no conxunto do Estado español

Cumpre salientar que segundo o INE o número de emigrantes entre 14 e 34 anos situouse desde 2008 en máis de 118.000 moz@s, a maior parte nos últimos 5 anos o que incide de maneira significativa a taxa de desemprego. Desde as centrais sindicais aseguran que de contabilizárense as persoas emigradas e aquelas que desisten de se inscribir nas listas do paro a taxa real de desempregadas superaría o 30%.

Máis de 100.000 fogares con todos os membros no paro

No primeiro trimestre de 2014 5.600 novos fogares sumáronse á listaxe de moradas en que todos os seus membros están no paro. Segundo a EPA un 6% máis en relación ao último período de 2013. 

En total a Enquisa de Poboación Activa rexistra 1.075.500 fogares en Galiza dos cales 751.000 teñen cando menos unha persoa ocupada e 501.000 nos que todas as persoas activas están ocupadas. Entrementres 101.500 vivendas no noso país teñen todos os seus integrantes no desemprego e 341.000 non posúen, nen sequera, ningún activo. 

O número de fogares con todos os seus membros no desemprego ascendeu nun 6% a respeito do último trimestre de 2013

Destes dados, só se reduciu o número de moradas en que existen persoas ocupadas (-2,1%) e aquelas en que polo menos contan cunha persoa activa. En troca, o número de fogares en que todos os seus membros están parad@s aumentou nun 6% en relación co último trimestre de 2013.

O Estado español reduce o número de parad@s máis continúa a destruír emprego

Segundo a EPA no Estado español o número de persoas desempregadas reduciuse en 2.300 deixando unha taxa de paro do 25,93%, isto é, 5,933.300 persoas sen traballo. En relación á taxa de desemprego xuvenil o 55,5% d@s moz@s do estado non teñen emprego.

Así as cousas, a economía española non deixou de destruír emprego nos últimos meses o que reflicte un aumento da emigración e/ou da inactividade entre a clase traballadora. A ocupación reduciuse en 184.600 persoas.