O cadro de persoal aproba a oferta de Alcoa: pararase a fabricación de aluminio durante 2 anos

A factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Europa Press/ Arquivo)
Por volta do 70% dos traballadores da factoría aprobaron en referendo a proposta da empresa. Nas auxiliares, porén, gañou o 'non'.

As cubas de Alcoa pararán dous anos e a factoría de San Cibrao non producirá aluminio durante ese período. A proposta da empresa contou co apoio en referendo dos traballadores e traballadoras da factoría de San Cibrao, case un 70% do cadro do persoal dixo si á oferta da multinacional.

Do censo de 1.063 traballadores votaron 808 (76%), con 563 votos a favor do acordo (69,6% do total), 196 en contra (24,2%), 40 en branco (4,9%) e 9 nulos (1,1%). Tamén organizaron votacións os traballadores e traballadoras das auxiliares, cunha baixa participación: 180 traballadores dos que 54 votaban a favor (30%), 105 en contra (58%) e 21 en branco (11%). O rexeitamento en contratas non afectaría o resultado global, cunha maioría do si.

Un posicionamento maioritario a favor da proposta de Alcoa supón tamén a desconvocatoria da folga que mantén o persoal desde hai semanas, xa que a volta á paz social é unha das propostas da multinacional. 

Xunto a ela está a de manter os salarios durante a parada da electrólise e asinar un novo convenio con subas salariais de 2% desde 2020 e cinco anos de vixencia, ademais de contratar a parte do persoal que presta servizo a través das empresas de traballo temporal.

Ademais dos compromisos laborais, no acordo tamén está en xogo un investimento de 103 millóns de dólares (máis de 90 millóns de euros) para "a viabilidade futura e crecemento da planta", incluído o reinicio das cubas de electrólise en 2024.

Alcoa xa avanzou a semana pasada que esta sería a súa última oferta. Non desvelou cal sería a alternativa no caso de non recibir o apoio maioritario do cadro de persoal, aínda que a opción da venda a un terceiro non está totalmente descartada. 

Segundo indicou a compañía, manter activa a planta de San Cibrao suponlle unhas perdas millonarias que fan dificilmente viábel a súa continuidade.