O número de traballadoras afectadas por un ERTE na Galiza supera a barreira das 100.000

Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego alcanzaron esta quinta feira, 26 de marzo, a cifra de 20.987. A Xunta habilitou un número de teléfono para resolver dúbidas. 
erte

Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados por empresas na Galiza alcanzan esta quinta feira, 26 de marzo, a cifra de 20.987 debido á crise do coronavirus, cun total de 112.284 traballadoras e traballadores afectados.

En comparación coas cifras de 24 horas antes, os expedientes de regulación e as persoas afectadas creceron arredor de 18% , segundo datos da Consellaría de Economía, Emprego e Industria.

A Xunta ofrece datos por demarcacións provinciais. As comarcas do país que se encadrarían na división correspondente á Coruña rexistran 8.122 ERTE, con 37.566 traballadores afectados. As encadradas en Pontevedra, 6.970 expedientes e 44.973 empregados.

Nas comarcas correspondentes ás divisións de Lugo e de Ourense, as menos industrializadas do país, houbo 2.671 ERTE e 9.064 persoas afectadas, na primeira; e 2.585 expedientes e 10.059 persoas afectadas, na segunda.

Os ERTE a nivel nacional son 618, con 10.622 persoas afectadas, mentres que os que se produciron a nivel estatal con afectación a traballadoras e traballadores do noso país foron 21, aínda que sen datos do número de empregados implicados.

A Xunta habilitou unha liña de teléfono gratuíta para atender as consultas de empresas e perosas afectadas por un ERTE, co número 900 815 600. Funciona entre as 8.00 e as 18.00 horas, de segunda a sexta feiras.

Comentarios