JOSé MOSQUERA, DELEGADO SINDICAL EN LITEYCA

''No 1º de maio, coller folgos e a seguir coa loita''

A ponto de cumprir 3 semanas de greve, o sector de contratas e sub-contratas de Telefónica mantén alto o ánimo. “Agora non podemos parar”, declara Mosquera.

MOsquera

José Mosquera é delegado da CIG en Liteyca, unha das 2 grandes empresas de Galiza que traballan en contratas para Telefónica, entre ambas suman máis de 800 traballadores. Xa van cara a 3 semanas de greve neste sector para denunciar o que Mosquera cualifica de “precariedade absoluta” á que lle empurran as condicións laborais.

Tres semanas de greve e non parece que Telefónica teña intención de dar algunha solución

Telefónica comezou xa hai uns anos a recortar nos contratos coas empresas e estas o que fixeron foi cargar eses recortes sobre os traballadores, algo que nos leva cara á precariedade absoluta. O único paraugas que temos son os convenios, e o que pedimos é que se cumpra o que está nos convenios, tanto en cuestión salarial, como de riscos laborais. Eles o que queren é implantar unha produción baseada en puntos, un modelo que implica traballar horas e máis horas e sen sequer acompensación salarial.

Convocastes greve indefinida, van minguando os ánimos da xente co paso do tempo?

Os ánimos hai que mantelos, non nos queda outra. Agora non imos parar nin recuar, hai que seguir adiante e pedir o que consideramos que é xusto, temos que resistir todo o que se poida. Agora temos aí o primeiro de maio, que nos permite coller folgos, e a seguir coa loita.

Delegado sindical nun momento en que agroman voces que cuestionan o sindicalismo, ao que consideran un modelo caduco.

Agora mesmo, e despois das regulacións e leis aprobadas polo Partido Popular que non fixeron máis que facilitar e abaratar o despedimento e aumentar a precariedade, os sindicatos fan falla máis ca nunca. É certo que hai sindicatos e sindicatos, pero iso non pode ser unha desculpa para atacar o sindicalismo. Un sindicato que sexa forte, firme, e que traballe arreo pola dignidade dos traballadores, ese é máis necesario ca nunca.

Comentarios