venres 30/07/21

Navantia inicia as probas de mar do último buque para a Armada australiana

Está previsto que o buque abandone Ferrol o vindeiro 18 de abril, deixando os estaleiros de Navantia practicamente sen actividade
Partida do AOR das instalacións de Navantia na ría de Ferrol (Imaxe: Navantia).
Partida do AOR das instalacións de Navantia na ría de Ferrol (Imaxe: Navantia).

O segundo buque loxístico do tipo  AOR que Navantia está a construír no estaleiro de Ferrol para a Armada de Australia, de nome 'Stalwart', iniciou este sábado as probas de mar, que está previsto que se desenvolvan en augas próximas á costa norte da Galiza até a vindeira terza feira.

O buque partiu sobre as 9 horas dun dos peiraos do estaleiro e, media hora máis tarde, pasou entre os castelos para saír da ría e dirixirse nun primeiro momento á entrada da ría de Ares, para acto seguido iniciar unha navegación que o levou a unhas oito millas ao oeste de punta Roncudo, en Ponteceso.

Ditas probas están programadas durante catro días, até o 23 de marzo, viaxando a bordo ao redor de 130 persoas, tanto persoal de Navantia como de compañías auxiliares, ademais de representantes a empresa contratada pola Armada de Australia para verificar a construción.

Durante esas xornadas comprobarán as capacidades do buque e do seu equipamento, co obxectivo de detectar calquera tipo de incidencia.

Partida definitiva

Segundo as previsións, o buque partirá de maneira definitiva o 18 de abril, nunha longa travesía até Australia, onde responsábeis de Navantia Australia serán os encargados de deixar todo listo para proceder á entrega do barco. Cumprirase así o penúltimo fito deste buque, xa que só quedaría a entrega á Armada de Australia.

A partida do 'Stalwart' deixará o estaleiro público de Ferrol durante varios meses. O persoal de Navantia e das empresas auxiliares leva meses reclamando ao Goberno español un barco ponte que lle garanta carga de traballo até que non comece a construción das fragatas F-110 para a Armada española.

comentarios