O naval vigués volve á rúa polo seu futuro

A manifestación pasando pola praza América de Vigo (Nós Diario)
As mobilizacións da campaña da CIG en denuncia da situación da industria galega fixeron esta quinta feira parada en Vigo. Unha manifestación desde o estaleiro de Barreras até a delegación da Xunta  nesa cidade serviu para visibilizar que o  sector naval precisa de medidas urxentes se quere seguir existindo.

As rúas de Vigo lembraron esta quinta feira 12 de marzo que o sector naval, unha das imaxes industriais que temos  da comarca, está en perigo. Centos de delegadas e delegados sindicais da CIG xunto a operarias e operarios, partiron da porta principal do estaleiro Hijos de J. Barreras e camiñaron até a delegación da Xunta da Galiza. A mobilización coincidiu con outra xornada de paro de catro horas nese estaleiro e formou parte da campaña de denuncia da "crise industrial" na Galiza que está a levar a cabo a central nacionalista. 

Na marcha participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que explica a Nós Diario que a realidade actual de Barreras é responsabilidade "da Xunta da Galiza, xunto coa mala, lamentábel e corrupta xestión empresarial que levou a situación de quebra que ten o estaleiro". O lider sindical lembra o "papel lamentábel que tivo a Xunta ao abandeira ese proxecto empresarial que no seu momento se presentou como solución e que hoxe se ten demostrado fracasado".

Carril cre que "hai que ter presente que calquera solución non pode ser no camiño que se nos está poñendo enriba da mesa" e afirma que "para nós non hai viabilidade, como se di, por non estar discutida coas traballadoras e traballadores". En relación aos pasos que se están a dar amosa a súa desconfianza. "A viabilidade que se nos pon enriba da mesa para nós non é tal porque nin garante a carga de traballo nin leva unha recuperación do emprego nin do reinicio da actividade no nivel que debería o estaleiro", asegura.

Barreras e Vulcano

Para César Rodríguez, responsábel do Naval da CIG-Industria de Vigo, a xornada de mobilización que tivo lugar a pasada quinta en Vigo "serve para denunciar a situación de abandono total por parte das administracións do sector naval, un sector por outra banda estratéxico para a Galiza e para comarcas concretas como poden ser Vigo e Ferrol". Explica a Nós Diario que "o abandono" ten como "focos fundamentais" a situación de Vulcano e Barreras. "En Vulcano a administración sempre mantivo a porta aberta a que se había algún inversor que o quixera manter para a construción naval tería o seu apoio", conta, "e aquí vemos que hai toda unha serie de manobras, sobre todo do Porto de Vigo onde se fai todo o posíbel para que non se dea esta situación", engade. En relación a Barreras, para César Rodríguez "o que se fai é unha conta atrás para a  liquidación do estaleiro". este sindicalista considera que "non se acadou unha dirección real do estaleiro, hai un acordo que di que o propio cliente se vai facer o control para facer o seu barco mais sen asegurar o pago á industria auxiliar". Para o sindicalista é triste "que se abandonase a carga de traballo, pasou de contar con 900 millóns de euros a traballar nesas condicións nun único barco".

Barreras en negro

"Vemos o panorama bastante negro", sinala Rafa Pérez, delegado sindical da CIG no comité de Barreras a Nós Diario, "non hai movemento nin sabemos que plans de reestruturación nin de viabilidade para o persoal hai agora mesmo", asegura. A situación no estaleiro vigués é de total incerteza. "Non sabemos nada nin temos claro cal vai ser o noso futuro" indica o sindicalista. Preguntado polo día a día relata que por estar pendentes dun xuízo o material que teñen "non se pode tocar" polo que "non podemos construír embarcacións novas".

A imaxe do estaleiro de Barreras mudou moito e queda lonxe dos bos tempos. Pérez sinala que tentan rematar o cruceiro Ritz-Carlton, a carga de traballo que agora mesmo teñen, "o que pasa é que temos moi pouca xente traballando alí, chegamos a ser 900 persoas e agora hai como moito 70 persoas". As empresas auxiliares serían unha salvación para finalizar o buque mais a incerteza tamén afectou o seu funcionamento. "Para conseguir rematar teñen que entrar aínda que moitas non o teñen claro e outras dixeron abertamente que non entran se non lles pagan o que lles deben". Esta circunstancia para o sindicalista da CIG "levan consigo un atraso importante, por moito que queiran sacar o barco en agosto ou setembro". E o peor para este delegado sindical é que "aínda non sabemos nada do plan que se asinou hai máis dun mes".