As mulleres traballarán "gratis" desde hoxe até o 31 de decembro
Este 19 de novembro conmemórase o día europeo da Igualdade Salarial, unha data simbólica que marca o día no que as mulleres deixan de percibir o mesmo salario medio que os homes.
Esta segunda feira 17 de novembro marca na Unión Europea (UE) o chamado Día da Igualdade Salarial (European Equal Pay Day), unha data simbólica coa que a Comisión Europea (CE) lembra que, pola desigualdade retributiva, as mulleres deixan de cobrar o que lles correspondería desde hoxe até o 31 de decembro. En termos prácticos: 44 días de traballo non remunerado por mor da fenda salarial de xénero.
A data adíase lixeiramente cada ano, o que indica un lento avance cara á igualdade. Pero as cifras seguen evidenciando unha realidade persistente: segundo a Comisión Europea, as mulleres cobran de media un 12% menos por hora que os homes. E a diferenza amplíase se se teñen en conta outros factores estruturais.
Máis parcialidade, menos presenza nos postos mellor remunerados
A UE lembra que o traballo a tempo parcial é moito máis habitual entre as mulleres, e que os postos mellor pagados continúan ocupados maioritariamente por homes. Como consecuencia, a fenda retributiva real —a que afecta ao soldo mensual ou anual— achégase ou mesmo supera o 20% en numerosos Estados membros.
Segundo os datos do INE publicados a semana pasada, o salario bruto medio das mulleres foi en 2024 de 2.163 euros mensuais, fronte aos 2.593 euros dos homes. É dicir, 430 euros menos ao mes.
A desigualdade é aínda máis evidente nos tramos laborais con peores condicións. Entre as persoas que non chegan aos 1.600 euros brutos ao mes, a presenza feminina é case o dobre: 40% das mulleres non alcanza esa cifra, fronte ao 21% dos homes.

