As mulleres con obesidade cobran até 9% menos en comparación con outras traballadoras

Tamén experimentan un menor éxito na contratación, teñen menos oportunidades de ascenso, un menor benestar no lugar de traballo, máis estrés e unha maior probabilidade de ser despedidas.
oficina (Foto: Nós Diario)
photo_camera As mulleres con obesidade tamén experimentan un menor éxito na contratación, segundo o estudo. (Foto: Nós Diario)

As mulleres con obesidade no Estado español teñen, de media, unha penalización salarial de 9% en comparanza con outras traballadoras, segundo unha nova investigación do Instituto de Estudos Laborais (IES, polas súas siglas en inglés) que se fixo público esta segunda feira. En concreto, en canto ás mulleres con obesidade que traballan a nivel estatal, o IES estima que, mesmo na escala máis baixa, unha penalización salarial de 2% pode dar lugar a unha penalización salarial individual de 451 euros, o cal equivale a un global de 766 millóns de euros cada ano dentro desta escala.

De media, esta cifra elévase a 3.490 millóns de euros cada ano cunha penalización salarial de 9%. Aliás, segundo a mesma investigación, as mulleres con obesidade no Estado español non só cobran menos que os demais traballadores, senón que tamén experimentan un menor éxito na contratación, teñen menos oportunidades de ascenso, un menor benestar no lugar de traballo, máis estrés e unha maior probabilidade de ser despedidas.

Segundo a doutora Zofia Bajorek, coautora do informe, a penalización salarial que supón o estigma da obesidade no emprego parece comezar cando as mulleres "abandonan a educación a tempo completo e incorpóranse ao mercado laboral, e continúa nas etapas posteriores da súa carreira profesional".

"As nosas estimacións suxiren que, ao longo da súa carreira, unha muller que padeza obesidade aos 18 anos de idade pode perder até 110.000 euros cando se xubile", detallou a doutora.

No Estado español, o tratamento do sobrepeso e a obesidade, así como das enfermidades asociadas, supoñen uns 26.000 millóns de euros de gasto sanitario anual. Nos países que integran a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a obesidade reduce a esperanza de vida entre 0,9 e 4,2 anos. Esta cifra é de 2,7 anos no Estado, e os anos de vida saudábel das persoas con obesidade redúcense en 3,5 anos en comparación con aquelas sen obesidade ou sobrepeso.

Prevese que en 2030 haberá 3,1 millóns máis de persoas a nivel estatal con sobrepeso e obesidade, o que incrementará os custos do sistema sanitario nuns 3.000 millóns de euros ao ano. A pesar diso, non se publicou unha estratexia oficial contra a obesidade desde 2004, e nas directrices de saúde pública apenas se fai referencia aos resultados laborais das persoas con obesidade.

Comentarios