Morre un operario no Pino ao caer do tellado dunha granxa

A pesar dos esforzos dos profesionais sanitarios, nada puideron facer por salvarlle a vida.
O sinistro tivo lugar ás 14:45 horas desta quinta feira.

Un home morreu esta quinta feira ao caer do tellado dunha granxa situada no concello do Pino, no lugar do Couto Pequeno, na parroquia de Medín.

Segundo confirmaron fontes do 112-Galiza a Europa Press, o suceso ocorreu ás 14,45 horas, cando o home estaba traballando na cuberta da granxa.

A pesar dos esforzos dos profesionais sanitarios, nada puideron facer por salvarlle a vida, confirmaron os servizos de emerxencias a través das súas redes sociais.

O pasado día 15 un traballador morría en Coirós cando manipulaba cables de media tensión. Días antes, perdía a vida un mariñeiro ao embarrancar un cerqueiro perto de Baroña. 

Galiza segue a liderar a mortalidade en sinistralidade laboral. Segundo datos recompilados pola CIG‑Saúde Laboral, neste primeiro semestre de 2019 a suma de accidentes laborais en xornada de traballo (13.878) e in itínere (1.410) que tiveron traballadoras e traballadores na Galiza foi de 15.282, dos cales 14.993 foron leves, 266 graves e  29 mortais (24 en xornada laboral e 5 in itínere). Ademais, duplicamos a media estatal no índice de incidencia dos accidentes mortais: é de 6,05 por 3,24 de media no Estado.