Mobilización para recoñecer a silicose como doenza laboral

A federación da Construción e Madeira da CIG iniciou unha campaña de sensibilización, reivindicación e información sobre a silicose, doenza que padecen centos de traballadoras e traballadores do sector da pedra, a lousa, os áridos e os seus derivados
Canteira de granito no Porriño (Cedida)
photo_camera Canteira de granito no Porriño (Cedida)

A cuarta feira 5 de febreiro terá lugar en Vigo (diante da mútua Maza, paseo das Camelias 101 ás 10.30 horas) a primeira das mobilizacións para denunciar o que consideran desde a central nacionalista unha fraude á Seguridade Social pola actitude das mútuas que non recoñecen esta enfermidade profesional. Nestes casos ten que ser a Administración pública a que teña que costear a atención ás persoas doentes por esta causa.

Patoloxía crónica

A campaña de concienciación sobre esta enfermidade comezou cunhas recentes xornadas de sensibilización organizadas arredor desta doenza pola CIG-Construción no Porriño e no Barco de Valdeorras. Desde a central lembran que a silicose é unha patoloxía crónica que afecta ao aparato respiratorio e que provoca importantes secuelas físicas, podendo mesmo causar a morte, xa que está tras doenzas como o cancro de pulmón. As mutuas seguen a negarse a recoñecer que é una consecuencia da actividade profesional, provocada pola inhalación de po sílice, polo que as afectadas e afectados teñen que iniciar longos procesos de reclamacións, mesmo xudiciais, para que se recoñezan os seus dereitos. 

No marco desta campaña a central nacionalista estabelecerá contactos co Cluster da Pedra, coa Asociación de Empresarias e Empresarios da Lousa e coa de Áridos para conformar unha fronte común de loita contra esta problemática que na Galiza afectou xa a máis de 700 persoas.

Comentarios