O marisqueo a pé perdeu 14,7% do emprego en 5 anos e só 2,1% das persoas ocupadas son menores de 30 anos

2025 volveu ser un mal ano para o complexo marisqueiro a pé. As cifras achegadas pola Consellaría do Mar confirman unha nova caída do emprego e inciden no progresivo envellecemento das persoas ocupadas no sector, que demandan alternativas ás administracións competentes na materia para reverter a crise.

3-A TOXA mariscadoras1
Persoas mariscando na Toxa, no concello do Grove, na ría de Arousa. (Foto: Nós Diario)

O marisqueo a pé volveu destruír emprego en 2025. Os datos achegados esta semana pola Plataforma tecnolóxica da Pesca da Galiza, da Consellaría do Mar, apuntan que na pasada anualidade cesaron na súa actividade 128 persoas, pasándose de 3.307 ocupados e ocupadas en 2024 a 3.179 en 2025. Neste sentido, o relatorio das autoridades pesqueiras galegas recolle que as licenzas de explotación desta tipoloxía de marisqueo se reduciron en 3,9% durante o anterior exercicio, mantendo a tendencia dos últimos anos, onde a actividade rexistra unha caída permanente.

As cifras fornecidas pola Consellaría desvelan que en 2025 a área da ría de Vigo perdeu 15 mariscadores e mariscadoras de a pé, que representan unha redución de 4,5%; na da ría de Arousa, 85 (-6%); na da Costa da Morte, catro (1,9%); na das rías da Coruña e de Ferrol, 16 (-7,1%); na de Cedeira, cinco, (-15,7%), e na comarca da Mariña, tres, que se traducen nunha mingua de 7,5%. Pola contra, a actividade gañou 11 persoas na ría de Muros e Noia (+2%), nove na de Fisterra (+9,6%), e mantivo o mesmo emprego que en 2024 na de Pontevedra.

Os datos de 2025 están en liña cos dos últimos exercicios. Mentres en 2010 un total de 4.123 persoas contaban cun permiso de marisqueo a pé nalgunha das áreas autorizadas no país, 15 anos despois esta cifra reduciuse en 944 homes e mulleres, o que supón unha caída na ocupación de 22,9%. Neste sentido, o proceso acelerouse na década actual, destruíndose entre 2020 e 2025 até 545 empregos, o que significa un descenso porcentual de 14,7% e representa máis da metade dos postos de traballo perdidos nos últimos tres lustros.

Licenzas de marisqueo na Galiza

Galiza contaba a finais de 2025 con 3.179 licenzas de marisqueo a pé. 325 delas atopábanse na área da ría de Vigo; 446, na da ría de Pontevedra; 1.354, na da ría de Arousa; 471, na da ría de Muros e Noia; 102, na de Fisterra; 207, na da Costa da Morte; 210, na das rías da Coruña e Ferrol; 27, na de Cedeira, e 37, na área da Mariña. Nesta dirección, as cifras fornecidas pola Consellaría do Mar sinalan que a ría de Arousa concentra case a metade dos permisos de marisqueo a pé, con 42,5% da ocupación total xerada polo sector.

A información achegada polas autoridades pesqueiras galegas confirma un elevado nivel de envellecemento entre as persoas que se dedican a esta arte do marisqueo na Galiza. Neste sentido, 405 delas, que significan 12,7% do total, superan os 60 anos de idade; 1.286 atópanse entre os 51 e 60 anos, supondo 40,4% das persoas ocupadas nesta actividade; 1.002 rexistran entre 41 e 50 anos, representando 31,5% do colectivo; 418 declaran entre 31 e 40 anos, supondo 13,1% do sector, e 68 sitúanse na faixa de 21 a 30 anos, 2,1% dos permisos vixentes. Ningunha delas ten menos de 20 anos.

A idade media dos mariscadores e das mariscadoras de a pé non deixou de incrementarse na Galiza durante os últimos anos. Así, a porcentaxe de persoas que se dedican a esta actividade e que superan os 51 anos creceu en máis de 5 puntos entre 2020 e 2025, pasando de representar hai cinco anos 47,9% do colectivo a 53,1% no pasado exercicio. Ao tempo, subiu 3,9 puntos desde 2015, cando a faixa de idade de máis de 51 anos significaba 49,2% das persoas ocupadas no marisqueo a pé.

A presidenta da agrupación de mariscadoras OPP-20 da Illa de Arousa (O Salnés), Inmaculada Rodríguez, explica a Nós Diario que "é moi fácil de entender porque se están perdendo empregos". "O marisqueo xa non é que non nos dea un salario digno, é que do marisqueo non se pode vivir, por iso a xente nova vai a outro traballos que permitan levar un soldo á casa a final de mes", lamenta.

"Non hai remuda xeracional", afirma Rodríguez, que se pregunta "quen se vai meter aquí". "Se visen unha solución a curto prazo aos problemas que temos seguro que se animaban, pero así non compensa; son moitos gastos para moi poucos rendementos", engade. Nesta dirección, demanda "apoio para o marisqueo e para o mar en xeral, porque isto vai en picado e ao ritmo que imos aquí non vai quedar ninguén en ningunha das actividades ligadas ao mar". 

Unha crise estrutural

Rodríguez apunta que o sector marisqueiro padece unha crise estrutural. Neste punto, destaca que "as praias cada vez producen menos, o marisco cada día medra máis lento e as administracións non se paran a explicar e a estudar a que se debe este problema". A este respecto, o biólogo mariño e voceiro Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, incide nesta idea e reclama ao Goberno galego que adopte medidas para facer fronte á situación actual.

"A Xunta da Galiza recoñece agora que a diminución do afloramento está ligada á falta de renovación das augas da ría de Arousa", explica Rubido, quen advirte de que "ao haber menos renovación das augas a contaminación dilúese menos, co impacto que iso ten nos bancos marisqueiros". Neste sentido, urxe o Goberno galego "a ser máis estrito no control da contaminación".

Altri e a mina de Touro e O Pino ameazan a ría de Arousa

A contaminación é un dos factores chave para explicar a crise estrutural que enfronta o sector marisqueiro e mexilloeiro da ría de Arousa. Neste sentido, proxectos como a mina de Touro e O Pino (comarca de Arzúa) ou a celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) supoñen unha grave ameaza para a actividade, apuntando Xaquín Rubido que mesmo poderían "significar o final".

O sector do mar é o gran motor económico dos concellos da ría de Arousa. Segundo os datos achegados pola Análise do sector da pesca elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2023, o complexo pesqueiro representaba en 2020, último ano con cifras, 25,9% do produto interior bruto (PIB) do Barbanza e 8,1% no Salnés. Ao tempo, os 10 municipios da ría contan con 1.354  mariscadoras e mariscadores en activo que representan 42,2% do total do país, e 2.319 bateas de mexillón en 18 polígonos diferentes, o que fai da Galiza o terceiro produtor mundial deste bivalvo após a China e Chile.

Os empregos xerados de forma directa polo marisqueo na ría de Arousa case triplican os anunciados por Altri, cifrados en 544, e  multiplica por 13 os 111 prometidos para a mina de Touro e O Pino por Atalaya Mining, a compañía promotora do proxecto.

Comentarios