Manuel Lopes Rodrigues, bombeiro en Vigo: "13 efectivos para toda a cidade non son 20 e iso significa que o perigo aumenta"

Manuel Lopes Rodrigues é bombeiro municipal en Vigo desde hai 29 anos e delegado sindical da CIG. A día de hoxe traballa no parque de Teis, un dos dous parques de zona cos que conta a cidade. O outro é o de Coruxo, obrigado a fechar até en cinco ocasións nos últimos anos, unha neste mes de agosto, ante a falta de efectivos que sindicatos e mandos están a denunciar.
Manuel Lopes Rodrigues, bombeiro do servizo de servizo de protección e extinción de incendios e salvamento do Concello de Vigo.
photo_camera Manuel Lopes Rodrigues, bombeiro do servizo de servizo de protección e extinción de incendios e salvamento do Concello de Vigo.

De cantos efectivos dispón estes días o servizo de bombeiros de Vigo?
A RPT, a Relación de Postos de Traballo di que debéramos ter 151 prazas cubertas. Neste momento temos 134, e iso despois dunha entrada recente de persoal funcionario e tamén interino, neste caso a través dunha listaxe, un recurso que é absolutamente inusual, do que se botou man porque estamos nunha situación límite. Pois aínda así temos un déficit de 17 prazas vacantes.

Como se chegou a esta situación?
Para identificar ben a súa orixe hai que ir 16 ou 17 anos atrás, cando o Concello de Vigo no canto de apostar por que cada ano se convocase unha OPE para cubrir as prazas correspondentes, comezou a adiar ese proceso e a convocar a Oferta Pública de Emprego cada catro ou cinco anos, amortizando o orzamento destinado a eses postos que había cubrir.

O que sucedeu foi que as prazas vacantes se foron cubrindo con excesos de xornada. A situación volveuse crónica e colapsou por primeira vez en 2018. A cantidade de horas extras que se estaban a facer era inasumíbel. Había bombeiros que 30 ou 40% da súa xornada anual de horas eran excesos. 

Houbo ocasión de resolver o problema en 2018?
Nese momento o Concello emitiu un Decreto que a CIG recorreu nos tribunais no momento, xa que, sempre tivo claro que este proceder era incompatíbel coa visión dun sindicato de clase que entende que ten que haber unha distribución de riqueza e unha creación de emprego; porque o que pasou foi que acabamos entrando nun proceso case antropofáxico onde nos estabamos comendo a nós propios.

Agora mesmo somos 12, 13, 14 profesionais por garda; números absolutamente inviábeis para dar resposta ás demandas que ten unha cidade como Vigo

A CIG entendeu sempre que non pode haber excesos de xornada. Recorreu e gañou. E a sentenza de 2019 recolle, primeiro, que non se pode sacar un decreto sen negociación cos traballadores e, moi importante, tamén, que os excesos de xornada na Administración non se poden pagar con cartos senón con descanso.

Os excesos de horas continuaron?
Reducíronse pero continuaron. Polo chegamos ao verán cun número de efectivos dispoñíbeis moi inferior ao mínimo imprescindíbel, porque xa acusabamos unha carencia importante. A isto hai que sumarlle baixas, permisos e vacacións. 

O mínimo é de 20 operativos para os dous parques, e agora mesmo hai días que temos 12, 13, 14 profesionais; que son números absolutamente inviábeis para dar resposta ás demandas que ten unha cidade como Vigo e máis no período de verán.

Tanto é así que malia todos os esforzos tanto o ano pasado coma este, houbo que fechar o parque de Coruxo até en catro ocasións, durante gardas de 24 horas nas que non foi posíbel dispor do mínimo de efectivos para ter unha primeira saída, para que un vehículo estea operativo. Precísase un condutor-bombeiro, un mando e catro bombeiros. 

Fechou unha vez cando aínda estaba en Balaídos. Outras tres o ano pasado, xa en Coruxo, que acelerou a entrada de interinos, e unha máis neste mes de agosto. Neses casos, todo se centraliza en Teis.

Que supón o feche dun dos dous parques de bombeiros da cidade?
Os dous teñen que estar operativos. Non hai parques de primeira nin de segunda porque non hai sinistros de primeira nin de segunda. O feche dun deles é algo gravísimo. Cada un deles está xustificado para chegar o antes posíbel a todos os puntos. 

Se hai dous parque é porque se estima que desde cada un vas chegar a tempo para controlar a situación. O parque de Coruxo da servizo á zona onde está Stellantis, industria, a zona de porto, a masa forestal máis grande da cidade, o río Lagares... Se tes que chegar alí desde Teis, o tempo de resposta aumenta e vas perder os primeiros minutos de intervención, que son importantísimos.

Onde hai que buscar a solución a este conflito laboral que tamén se analiza en termos de seguridade?
Nós cremos que a solución non está nin nos excesos de xornada nin nas interinidades. Pero a situación é supercrítica, chegouse a un límite en que foi preciso recorrer a elas, porque non se poden ocupar de súpeto todas as prazas con persoal funcionario do Concello, que tampouco soubo ou non quixo ver outra consecuencia da mingua de oferta pública de emprego.

Atendemos calquera tipo de incidencia urxente ou que implique un risco que a xente non sabe como resolver

Non tivo en conta a deterioración fisiolóxica dos bombeiros, que envellecen como calquera outra persoa. A media de idade nos trens de saída chegou a ser de máis de 40 e até de 50 anos. Por moito que te coides o rendemento físico é inferior co paso dos anos. 

O número de efectivos dispoñíbeis é importante, pero tamén a media de idade. É bo ter un equilibrio entre xuventude e experiencia. O que non se pode é só apostar pola experiencia. Ten que haber unha dinámica renovadora.

Que é o máis urxente?
O máis urxente é cubrir a RPT e chegar ás 151 prazas. Iso é imprescindíbel. O Concello ten que entender que os excesos de horas teñen que ser extinguidos a cero, a non ser que se produzan circunstancias excepcionais, conxunturais. O que non poden é manter o servizo estruturalmente con horas extras.

Ten que aspirar a un servizo de calidade que dea resposta ás necesidades da cidade e da veciñanza. Xa no ano 2016 a CIG forneceu o Goberno local cun plan estratéxico onde se debullaba o número de efectivos, a súa distribución, a necesidade de implantar uns servizo compensado con visión de futuro, e non se lle fixo caso.

O concello nin reaccionou entón nin cando colapsou o servizo en 2018. E agora van tarde, e as listas de interinidade estanse esgotando. É importante asegurar os mínimos porque 13 efectivos para toda a cidade non son 20 e iso significa que o perigo aumenta.

Outro colapso no horizonte

Entre 2022 e 2023 está prevista a xubilación de 14 bombeiros do parque municipal de Vigo. Até 2025 ampliarase aínda máis o retiro doutros compañeiros, "xa que se trata de persoal nado nos anos 60, no baby boom, que foi o que entrou a traballar a finais dos 80".

Isto, apunta Manuel Lopes Rodrigues, "vai traer como consecuencia outro colapso do servizo se non se toman medidas de apertura de procesos de oposición de forma áxil e anual para ir cubrindo as prazas. En ningún caso a solución, como se pode ver ás claras en perspectiva son as horas extras, que só representan unha precarización do servizo".

Un servizo cunha carga industrial "moi potente"

Os bombeiros dos parques de Teis e Coruxo son traballadores do Concello de Vigo e pertencen ao servizo de protección e extinción de incendios e salvamento.

"O labor dun servizo de bombeiros non se reduce só a apagar fogos, urbanos ou forestais. Atendemos calquera tipo de incidencia urxente ou que implique un risco que a xente non sabe como resolver". Neste sentido, explica Lopes Rodrigues, tanto poden acudir ao rescate dun gato que leva tres días no alto dunha árbore ou dunha persoa atrapada nun ascensor como facer excarceramentos en accidentes laborais ou de tráfico; intervir en caso de enchentes, colisións múltiples, caídas de muros e árbores, explosións, escapes de gas ou derrames químicos.

Asumimos un dos traballos máis perigosos, o relacionado cos portos, cos barcos que están a ser reparados, cunha compoñente de material combustíbel e gases inflamábeis moi alta 

Polo que se refire aos incendios forestais "nós acudimos cando nos chaman. Atendemos sobre todo a ferradura verde de Vigo e a súa zona de influencia perto das casas. É inviábel que poidamos estar apagando o lume nun gran incendio con todo o tendido de mangueira que cómpre, con todas as exixencias físicas e psicolóxicas que supón e que recollamos para ir rescatar unha persoa nun décimo piso".

O servizo de bombeiros de Vigo ten, sobre todo, unha carga industrial "moi potente" ademais de asumir un dos traballos máis perigosos aos que se pode expoñer, "que é o relacionado cos portos, cos barcos que están a ser reparados, cunha compoñente de material combustíbel e gases inflamábeis moi alta".

Comentarios