Lois Neto, secretario comarcal da CIG na Mariña e Lugo: "A industria ten que ser sustentábel e ter un control público e social"
—Con que retos afronta o cargo?
Temos unha provincia con dous problemas estruturais. Un é o abandono das administracións públicas, que se ve en cuestións como as infraestruturas, a industria e o envellecemento da poboación. A inacción e a política entreguista dos sindicatos españois fai que os traballadores nos vexan como a única alternativa sindical de garantía, que traballa con honestidade, en clave galega e para mellorar convenios. Temos que ampliar a estratexia de organización e de mobilización da clase traballadora desde a base nos centros de traballo para combater, negociar e usar todos os medios ao noso dispor, porque ao final estamos nunha loita de clases.
—De que situación parte a clase traballadora nestas comarcas?
Hai moitos sectores que non están organizados. Temos que chegar a eles e traballar para defender os seus dereitos laborais. Desde a CIG xa vimos nos últimos catro anos como fomos quen de condicionar a negociación colectiva. Pero a pesar destes avances aínda hai milleiros de persoas con convenios que levan anos caducados, ou mesmo traballadores que non están amparados baixo ningún convenio. Esa debe ser unha prioridade no noso traballo sindical.
—E no conflito de Alcoa?
En Alcoa está habendo unha política de 'deixar ir a cousa'. Defendemos que en Alcoa ten que haber ou ben unha nacionalización directa ou ben unha entrada de capital público con control galego. O resto son mentiras e demoras continuas tanto do Goberno español como da Xunta da Galiza.
—E tamén está o proxecto de Altri na Ulloa.
Cómpre unha alternativa industrial que non sexa meter unha macrocelulosa como a de Altri. Éunha agresión ambiental, un espolio, unha industria altamente contaminante cun impacto hídrico e ambiental demoledor que non responde aos intereses da zona. Apostamos por unha industria galega que sexa sustentábel, con valor engadido, baseada nos nosos recursos naturais e cun control público e social, con emprego digno e respecto ao medio ambiente.
—Cal son as necesidades no caso dos concellos rurais?
As políticas que se desenvolven desde hai décadas en Lugo están a provocar o despoboamento do rural, a eliminación da actividade económica vinculada ao sector primario e a falta de servizos. Hoxe vivir no rural é case unha heroicidade: fechan escolas, os centros de saúde non teñen médicos, practicamente non existe transporte público... Unha escola, un centro médico, unha residencia de maiores ou o SAF son vida no rural, e por iso reivindicamos a necesidade de crear un servizo público galego de atención ás persoas no que haxa condicións laborais dignas.
—Na Mariña están a denunciar as eivas no sistema sanitario.
É un exemplo do desmantelamento dos servizos públicos, que teñen que responder a un criterio de proximidade ao cidadán. Desprazarse máis de 100 quilómetros para ir a unha consulta médica é terríbel. Debe haber 3 áreas sanitarias na provincia: Lugo, A Mariña e Lugo Sur. E, pola contra, a centralización é cada vez maior.