Lavacolla para 6 horas e aviva o conflito con Aena
Aena segue sen moverse do sitio. Nin a apelación da subdelegación do Goberno, primeiro, nin a do alcalde de Compostela, despois, deron resultado. As traballadoras e traballadores continúan esperando que a compañía convoque unha reunión para discutir todas as demandas que foron xurdindo desde que as mobilizacións empezaran na primavera pola cuestión da cantina.
“Facemos unha valoración moi, moi positiva da xornada”, di Pablo De Prado, representante sindical, “a verdade é que estamos sorprendidos coa cantidade de empresas e servizos que secundaron a folga”. A convocatoria de paro, das 4:30 horas da madrugada ás dez e media da mañá, serviu “para visibilizar un aeroporto pechado”. Persianas baixadas nos mostradores das compañías con carteis advertindo da folga, as tendas, a cafetería, servizos como o de empacado de maletas ou os de alugueiro de coches pechados. A actividade foi mínima a primeira hora do día en Lavacolla.
As traballadoras e traballadores reuniranse en asembleas esta semana para valorar a situación do conflito despois da primeira xornada de folga e decidirán as próximas accións da mobilización.