Lavacolla para 6 horas e aviva o conflito con Aena

As traballadoras e traballadores que comezaron a mobilizarse para que se mantivese a cantina do persoal conseguen paralizar o aeroporto compostelán até as 10 da mañá nunha protestas que se ampliou á denuncia das precarias condicións laborais.
CIG Lavacolla
photo_camera [Imaxe: CIG] Viaxeiros na terminal de Lavacolla esta sexta feira.

Aena segue sen moverse do sitio. Nin a apelación da subdelegación do Goberno, primeiro, nin a do alcalde de Compostela, despois, deron resultado. As traballadoras e traballadores continúan esperando que a compañía convoque unha reunión para discutir todas as demandas que foron xurdindo desde que as mobilizacións empezaran na primavera pola cuestión da cantina.

“Facemos unha valoración moi, moi positiva da xornada”, di Pablo De Prado, representante sindical, “a verdade é que estamos sorprendidos coa cantidade de empresas e servizos que secundaron a folga”. A convocatoria de paro, das 4:30 horas da madrugada ás dez e media da mañá, serviu “para visibilizar un aeroporto pechado”. Persianas baixadas nos mostradores das compañías con carteis advertindo da folga, as tendas, a cafetería, servizos como o de empacado de maletas ou os de alugueiro de coches pechados. A actividade foi mínima a primeira hora do día en Lavacolla.

CIG Lavacolla (2)“Máis alá das cifras de voos cancelados ou que sufriron demoras, porque na práctica, ao fixar os servizos mínimos, o que fixo Aena foi xestionar todos os voos como voos protexidos, como se esta fora unha folga de 24 horas... Máis alá diso, o relevante é o comportamento do persoal en todas as empresas. Conseguiuse visibilizar o Lavacolla-Rosalía de Castro como un aeroporto pechado”, insiste De Prado, e avanza que Aena terá que moverse e convocar unha reunión “ou isto non para aquí: sen diálogo, o día 20 e o 17 volveremos á folga”.

As traballadoras e traballadores reuniranse en asembleas esta semana para valorar a situación do conflito despois da primeira xornada de folga e decidirán as próximas accións da mobilización.

Comentarios