Laura Arroxo colle a remuda de Suso Bermello na CIG-Ensino para defender "o ensino público galego e en galego"

Laura Arroxo e Suso Bermello. (Foto: Nós Diario)
A federación renovou os órganos de dirección por unanimidade e acordou as liñas de traballo para os próximos catro anos.

O IX Congreso da CIG-Ensino elixiu Laura Arroxo como secretaria nacional con 160 votos a favor, 0 brancos e 0 nulos. No decurso da xornada as delegadas e delegados fixeron unha análise dos resultados do traballo desenvolvido no período que agora remata e debateron e acordaron as liñas de traballo que servirán de guía para a acción sindical do próximo período.

O IX Congreso, decorrido baixo o lema “A forza do compromiso” elixiu tamén á nova Executiva federal que recibiu 160 votos a favor, 0 brancos e 0 nulos, quedando conformada por Laura Arroxo, Xosé Manuel Nogueira Rodríguez, Marta Ferreirro Fernández, Ana Rodiño Domínguez, Diego Boquete Sánchez, Henrique García Vázquez, Elena Añel Cabanelas, Xosé Anxo Terán Coesaña, Maruxa Martínez Nogueira e Montse Pernas Bellas.

O IX Congreso escolleu ademais ás persoas que representarán á federación no Consello Confederal da CIG. Unha candidatura que foi apoiada por 160 votos a favor, 0 brancos e 0 nulos, e que está composta por Laura Arroxo, Marta Ferreiro Fernández, Xosé Manuel Martínez Nogueira, Ana Rodiño Domínguez e Amanda Rei Castro.

Dique contra as políticas de recortes

O acto de clausura, ao que asistiu tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, foi fechado pola flamante secretaria nacional, Laura Arroxo, que fixo especial mención das dúas persoas que deixan a Executiva da CIG-Ensino, Teresa Carballido, da que salientou a súa “afabilidade e compromiso” e, por suposto, a Suso Bermello, que dirixiu a federación nos últimos oito anos. 

Para el, ao que definiu como “mestre apaixonado pola historia, traballador incansábel ou guerreiro da escrita mais, sobre todo, activista polo ensino público galego”, tivo palabras non só de agradecemento, senón tamén de recoñecemento pola súa “dedicación obstinada”, polo seu traballo e, ante todo, pola súa “facilidade e humanidade para facer equipo”. 

Arroxo lembrou que este Congreso coincide coa celebración do 50 aniversario da creación do sindicalismo nacionalista no ensino e que daquelas orixes até a actualidade permanece a esencia e moitas reivindicacións, das que salientou dúas demandas esenciais: “a defensa do ensino público galego e en galego e a mellora das nosas condicións laborais”.

Lembrou tamén que se vén de celebrar o IX Congreso da CIG, no que se reiterou o modelo de sindicalismo de contrapoder, que considerou imprescindíbel “nun país que sofre as políticas privatizadoras e autoritarias do PP e, nomeadamente, o seu asañamento cos servizos públicos, aplicando recortes brutais e desmantelando todo o que representa o ensino público como garante da igualdade e equidade social”.

Denunciou que co Ministerio de Educación non se conseguiu nin un só avance nos últimos dous anos, mais tamén a falta de interlocución real coa representación sindical, como ocorreu co Anteproxecto de Lei de Ensinanzas Artísticas que foi aprobado sen pasar pola Mesa Sectorial ao igual que a decisión de crear novos corpos docentes, fronte á demanda unánime da creación dun corpo único docente. 

Lamentou que se confirme, como viña alertando a CIG-Ensino, que a reforma da FP “terá consecuencias moi lesivas para estas ensinanzas ao incidir aínda máis nas tres lacras que xa veñen padecendo nos últimos anos: privatización, burocratización e dualización”. Denunciou tamén o carácter aínda “máis reaccionario” de Rueda que o de Feixoo e a súa “maquinaria propagandística” que, dixo, “emula as vellas estratexias do fraguismo ou do franquismo”.  

Acordo da vergoña

Laura Arroxo foi especialmente crítica co “Acordo de renuncias”  asinado o 11 de outubro de 2023 entre Alfonso Rueda e os sindicatos CCOO, UXT e ANPE, que cualificou como “foto da infamia” por ter hipotecado as condicións laborais do profesorado e o futuro do ensino público galego. Un pacto, asinado sen permitir preguntas xornalísticas, que, dixo, “consolida a renuncia a melloras salariais e laborais, rompe a unidade sindical e mantén Galiza como a única comunidade con 20 sesións lectivas semanais, impedindo a contratación de máis dun milleiro de docentes, a redución de ratios, a atención á diversidade e a especialización do profesorado”. 

Do mesmo modo criticou que a Xunta da Galiza negue recursos para atender alumnado con dificultades, reducir a itinerancia de especialistas, baixar as ratios de até 200 estudantes por docente en secundaria ou garantir a calidade na FP e nas ensinanzas de réxime especial, afectadas pola semipresencialidade e a burocracia.

Subliñou que a recuperación dos dereitos laborais está vinculada á baixada de ratios, a dotación de recursos para alumnado vulnerábel e a eliminación de trámites innecesarios, prioridades compartidas pola comunidade educativa. E salientou a necesidade de valorizar a función docente fronte aos ataques neoliberais, que converten a educación nun negocio e á hostilidade da Xunta, que fomenta o desprestixio do profesorado mediante control mediático, inspeccións e normativas restritivas. 

Fronte a isto situou o modelo polo que aposta a CIG-Ensino. Un modelo que “priorice a liberdade e a igualdade, loitando contra a discriminación de xénero, especialmente en sectores feminizados como a educación infantil, a atención á discapacidade e a protección de menores, onde exixe convenios galegos e xestión pública directa”, dixo.

Rexeitamento da mercantilización do ensino

No ámbito universitario, Arroxo alertou sobre a mercantilización do ensino coa creación dunha segunda universidade privada ligada a lobbies coruñeses e a competencia desleal da universidade de Abanca, favorecida pola Xunta. Ademais, denunciou a política lingüicida do PP, que co Decreto de Plurilingüismo de 2010 busca anular a identidade nacional galega. A CIG-Ensino comprométese a redobrar esforzos para concienciar o profesorado sobre o papel clave do galego na educación, como vía para a soberanía e a recuperación da lingua.

A secretaria nacional concluíu posicionando a CIG-Ensino como un “dique contra as políticas de recortes”, chamando á unidade do profesorado e da comunidade educativa para defender o ensino público, a igualdade e a lingua galega. “O alento e a forza de quen nos precede e de quen nos segue é o que nos ten que facer mirar adiante. Nunca os tempos foron doados mais temos a forza do compromiso para que os tempos sexan chegados”.