Insatisfacción en economistas e autónomas polas medidas do Goberno español

As medidas económicas adoptadas polo Goberno español neste estado de alerta teñen o aval de CCOO, mais non contentan autónomas e autónomos. Economistas consultadas por Nós Diario sinalan que son insuficientes e deixan moitas lagoas de como se levarán a cabo na práctica.  
Aspecto da praza Galiza de Compostela, lugar céntrico da capital, estes días (Riobó Prada)
photo_camera Aspecto da praza Galiza de Compostela, lugar céntrico da capital, estes días (Riobó Prada)

As medidas aprobadas polo Goberno español para afrontar a situación de estado de alarma actual semellan insuficientes para algúns sectores e, polo de agora, só contentan no plano sindical organizacións como CCOO e UXT, que hai uns días presentaban un documento no que demandaban flexibilizar os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). Neste sentido os últimos datos sinalan que, a día de hoxe, 630 empresas presentaron xa un ERTE que afectará a case 5.200 traballadoras e traballadores.

"Non se pode concretar a dirección real dos fondos que anunciou o Goberno", explica a economista María do Carme García Negro a Nós Diario. As dúbidas veñen pola incerteza de cales serán as empresas que poderán facer un ERTE e a razón pola que algunhas, como as de automoción, non asuman parte dos custos. "Tampouco sabemos cal vai ser o papel da banca nin se sabe cal vai ser a presión fiscal que farán para poder levar a cabo esas medidas", engade.

Outro economista, Edelmiro López, coincide en que primeiro "hai que atallar a situación de emerxencia na saúde pública mesmo paralizando toda a actividade económica". Pensa que as medidas do Goberno procuran "o acceso ao desemprego para os que queden nesta situación", mais quedan curtas se non se toman outras nos vindeiros días. 

Autónomas e autónomos atópanse abandonadas

"Sentímonos completamente abandonados" asegura a Nós Diario o presidente da Asociación de Autónomas e Autónomos da Galiza, Rafael Granados. Este colectivo amosa a súa decepción coas medidas aprobadas polo Goberno español, e sinalan que a prestación por cese de actividade "xa estaba aprobada". Esta entidade está a recibir nas últimas horas moitas consultas pola dificultade que terán ámbitos como o da hostalaría ou o transporte en xustificar que a súa actividade caeu 75% de media nos seis meses anteriores. "A maior parte paga por módulos, non levan libro contábel e non poderán demostralo e, polo tanto, non poderán acceder ao cese de actividade", explica Granados.

Analistas consultadas por este xornal aseguran que a diferenza da crise de 2008 na que a prexudicada era a asalariada e a autónoma se autoexplotaba, agora este sector non terá ingresos e si pagamentos que deberá facer de todas as maneiras. As medidas relacionadas co peche de actividade tamén son polémicas pola posibilidade de que continúen abertas grandes empresas cun cadro de persoal amplo e o pequeno comercio teña que pechar. Por último, esta situación actual poderá ter consecuencias aínda máis complicadas por un maior acceso da poboación ás compras por internet que, unha vez superada esta pandemia, poderían optar por continuar a empregar en detrimento do pequeno comercio.

UXT e CCOO, satisfeitos coas medidas

A CIG expresou a súa disconformidade onte mais desde UXT e CCOO na Galiza consideran que as medidas aprobadas van na boa dirección. Para estas organizacións, a prioridade neste momento é frear o virus e que se recuperen as persoas afectadas e, no laboral, evitar despedimentos e garantir rendas. 

UXT Galiza remite a súa valoración ao expresado polos dous sindicatos en Madrid. Sinalan que o Real Decreto responde ás propostas consensuadas entre estas organizacións e a patronal. 

CCOO Galiza, polo seu lado, explica a Nós Diario que o Goberno "tomou nota de que cómpre manter o emprego e que hai que tomar medidas para preservar a actividade económica". Neste sentido, valoran positivamente "o volume de recursos mobilizados polo Goberno porque será a forma de recuperar a actividade económica".

Comentarios