TRABALLO

Os impagos en Regaki empurran á exclusión 95 familias

Os impagos en Regaki empurran á exclusión 95 familias

O cadro de persoal da Rede galega de quiosques non percibe salario desde decembro de 2014. Todas as persoas afectadas polo desmantelamento da empresa apresentan enfermidades crónicas e/ou diversidade funcional.

rede-galega-kioscos-1
photo_camera [Imaxe BBVA Press]

Peregrina ten 51 anos. Tivo un ictus --infarto cerebral-- "hai 15 anos". Aliás, é doente de EPOC, unha enfermidade respiratoria crónica, que require, entre outros medicamentos, "un inhalador que me custa máis de 60 euros". Para alén disto, Peregrina é unha das 95 persoas que traballan na Rede galega de quiosques (Regaki). A empresa adebédalle, xunto @s compañ[email protected], tres meses de salario e a paga extraordinaria de Nadal. Esta situación aboca a familia de Peregrina a vivir do soldo do seu compañeiro "728 euros ao mes". Con el afrontan o pagamento dun préstamo que lles supón "300 euros mensais" e os gastos de "luz, auga, medicación, comida, vestirnos e calzar". Teñen un fillo estudante de 24 anos. 

Despedimentos improcedentes e impagos

Os impagos que padece o cadro de persoal son o resultado do "desmantelamento" da empresa. Un conflito que atinxe --para alén de Regaki-- a Cogami e a Galega de Economía Social (GES), entidades responsábeis da xestión dos quiosques, segundo denuncian as traballadoras e as organizacións sindicais (CIG e CC.OO). 

"Denunciamos perante Inspección de traballo que non estaban a pagar as nóminas mais di que ten que ser o xulgado quen resolva o conflito"

Os problemas veñen de lonxe. Comezaron no 2013 cando Regaki despediu "máis de 20 persoas [29] ás que acusou de roubo", explica Carmiña Naveira da CIG. "A maioría deses despedimentos foron declarados xudicialmente como improcedentes" mais o cadro de persoal comezou a "sospeitar", sinala, que a entidade "non quería pagar as indemnizacións". A partir de aí, "enterámonos pola imprensa que presentaran un concurso voluntario de acredores e un ERE extintivo". Deixan de pagar a luz, os salarios e inician o fechamento dalgúns quiosques, embora a maior parte mantérense activos a día de hoxe. 

"Denunciamos perante Inspección de traballo que non estaban a pagar as nóminas", sinala Naveras, mais Inspección apuntou que "ten que ser o xulgado quen resolva o conflito" tendo en conta o concurso de acredores. 

A Xunta lava as mans

Entrementres, Regaki, Cogami e GES mantiveron as axudas públicas que reciben en aras do proxecto de integración laboral que representan. Fondos públicos que ascenderon o pasado ano a "480 mil euros para manter abertos os centros especiais de emprego", os quiosques, lembra Carmiña Naveiras. 

"Están a utilizar o concurso [de acredores] para eludir o pagamento das indemnizacións e dos salarios adebedados"

Neste senso, desde o cadro de persoal, CIG e CC.OO exixen "responsabildiades" á Xunta de Galiza e, no concreto, á Consellaría de Traballo e Benestar. Solicitaron reunírense con "Beatriz Mato e o presidente da Xunta" mais "non contestaron" polo que o goberno "elude a súa responsabilidade, igual que Cogami", apunta. "Din que Regaki non pertence a Galega de Economía Social" mais "eran Anxo Queiruga [Cogami] e Sestayo Lestón [GES] quen dirixían a Rede galega de quiosques". 

Para a central sindical nacionalista, "están a utilizar o concurso [de acredores] para eludir o pagamento das indemnizacións e dos salarios adebedados" nun conflito laboral que atinxen, lembran, a un grupo de atención prioritaria, "persoas con discapacidade e doenzas crónicas" que "adebedan cartos da medicación, están a padecer cortes de luz por impago e, algunhas mesmo tiveron que volver a casa dos pais", explica Naveiras. 

Elixir entre "comer ou respirar"

Eis o caso de Peregrina. Co salario do seu compañeiro (728 euros), "teño que elixir entre comer ou respirar", di esta doente de EPOC que adebeda na farmacia o custe da súa medicación desde xaneiro. "Pasamos ese mes con 20 euros e febreiro con 30", afirma. "Isto é moi duro" e os folgos van decaendo. "Non nos merecemos isto". 

No albo das súas demandas está "unha solución" e a implicación da propia Xunta de Galiza na resolución do conflito con Cogami e GES. "Imos demostrar que se trata dun grupo de empresas". Carmiña Naveiras mesmo apunta cara á unha posíbel "apropiación indebida" de fondos que deberan ser destinados a garantir o mantemento dos postos de traballo para persoas con discapacidade mais que, de facto, non está a ser así.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.