A idade legal de xubilación sobe aos 66 anos e 8 meses
O período de cómputo para calcular as pensións é de 25 anos.
O ano 2025 arrinca cun incremento na idade legal de xubilación. A partir de onte, os traballadores e as traballadoras que queiran xubilarse con 100% da pensión contributiva deberán ter un mínimo de 66 anos e 8 meses, aínda que a xubilación sen penalización seguirá sendo posíbel aos 65 anos se se dispón de 38 anos e 3 meses cotizados á Seguridade Social.
Esta suba é consecuencia da reforma do sistema de pensións promulgada en 2011 polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, atendendo os ditados da troika, no marco do plan de axustes aplicado ao Estado español no contexto da recesión económica de 2008.
CEO, UXT e CCOO
A reforma lexislativa, apoiada pola patronal CEOE e os sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO), estabeleceu o aumento progresivo da idade ordinaria de xubilación de 65 a 67 anos, aínda que mantivo a posibilidade de retirarse aos 65 anos no caso de carreiras máis longas de cotización.
A norma fixou un período transitorio desde 2013 até 2027 para elevar a idade de xubilación. Segundo esta medida elevarase en 2026 a 66 anos e 10 meses ou 38 anos e 3 meses cotizados, e en 2027, a 67 anos ou 38 anos e 6 meses cotizados.
O período de cómputo
O cambio legal tamén implicou aumentar desde 2013, gradualmente, de 15 a 25 anos o período de cómputo para calcular a pensión, transición que finalizou en 2022, ano desde o que xa se calcula cos últimos 25 anos cotizados. Unha decisión que derivou nunha progresiva caída do poder adquisitivo da pensións de xubilación.
O camiño comezado coa reforma de Zapatero completouno en 2023 o actual Goberno de coalición de PSOE e Sumar, que estabeleceu un período de cómputo dual a partir do vindeiro ano, 2026, no que se poderá optar por computar os 29 últimos anos de carreira, descartando os 24 meses peores, ou o período de cómputo actual.