Greve histórica das traballadoras de elaborados do mar

Seguemento practicamente total na primeira xornada de paro do sector, que demanda un convenio digno. É a primeira greve nunha rama na que traballan 7.000 persoas en Galiza, 80% delas mulleres.

elaborados do mar

Un sector con condicións laborais duras, salarios baixos e precarización crecente; o de elaborados do mar, protagonizou esta segunda feira a primeira das súas tres xornadas de greve, convoxcada por CIG, CCOO e UXT, para demandar un convenio digno. Son 7.000 postos de traballo en Galiza, 80% ocupados por mulleres.

É a primeira vez que este sector vai á greve. Suso García, da CIG, lembra que a patronal “até agora xogaba co medo e a precariedade” para frear reivindicacións e mobilizacións. O seguimento do primeiro día de greve está a ser “un éxito total”, remarca o sindicalista,que denuncia como o convenio deste sector era “moi precario”. Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO, fala de "seguimento total" do paro.

Piden un aumento salarial para deixar de perder poder adquisitivo, limitar o traballo temporal, pluses para traballos especiais….

Xabier Aboi, da CIG-Mar, sinalaba hai uns días que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é “o peor de todo o ámbito da alimentación”.Unha das demandas principais é a do aumento salarial, xa que desde 2010 perderon poder adquisitivo ao non acadan sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de “man de obra barata”, denunciou.

elaborados do mar greve

No tocante á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan até tres ETTs diferentes.

Hai centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores de ETT que contratados pola empresa principal

Alén diso, lembran nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe.É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.

Aliás, desde CIG-Mar, que ten 40% da representación, insisten na “necesidade estratéxica” de contar cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar.

Comentarios