Galiza, líder en accidentes laborais mortais

sinistralidade laboral

Galiza é o territorio con maior índice de accidentes laborais mortais. Un informe de CC.OO., elaborado a partir das estatísticas do Goberno español indica que Galiza rexistrou un índice de incidencia neste indicador de 5,46 por cada 100.000 traballadores, mentres que a proporción do Estado foi de 3,08.

Estas cifras sitúan Galiza no alto do ranking de accidentes mortais, sen ter en conta a Ceuta e Melilla, a pesar de que estes se reduciron en 2019.

No entanto, o sindicato está á espera de datos definitivos, após detectar un "rebrote" nos dous primeiros meses de 2020.

O pasado ano rexistráronse 30.228 accidentes de traballo con baixa en Galiza, 90,07% en xornada laboral.

O secretario de Saúde Laboral do sindicato, Roi Fernández, presentou estas cifras en rolda de prensa, con motivo da conmemoración o próximo 28 de abril do Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo.

Un dos principais factores nos malos datos de sinistralidade é a precariedade das condicións dos propios traballadores, engade CC.OO.

Segundo o informe 43% dos accidentes afectaron a persoas con contrato temporal, que en 2019 supuxeron 26% das asalariadas.

Fernández tamén ve necesario "mellorar os sistemas de detección das enfermidades profesionais", que dificultan o traballo en prevención ao carecer de "datos reais" á vez que "se sobrecarga a sanidade pública".

O secretario xeral de CC.OO., Ramón Sarmiento, insistiu na "debilidade" da prevención actual.
 

Comentarios