As galegas traballarán 'gratis' desde o 24 de novembro até que remate o ano

Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
A fenda salarial entre homes e mulleres fai que as galegas cobren 10,12% menos, o que se podería traducir en que traballan 'gratis' 37 días ao ano.

As mulleres galegas traballarán 'gratis' desde o 24 de novembro. Así o denuncia o sindicato UXT, que evidencia deste modo a fenda salarial que aínda existe no país entre homes e mulleres. Con todo, a situación é algo mellor que no Estado español, onde esa circunstancia prodúcese xa desde esta quinta feira, día 18.

Precisamente, con motivo desta efeméride, o sindicato arrancou a campaña #EuTraballoGratis, que desenvolverá até final de ano co obxectivo de concienciar sobre esta problemática.

Nun comunicado, UXT sinala que as galegas cobran 10,12% menos que os homes en relación salario/hora, segundo os datos da Enquisa de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estatística (INE). Cando os datos se trasladan a días, o o resultado é que as mulleres galegas traballan 'gratis' 37 días ao ano, por 43 das españolas e 51 de media nas europeas.

Na Galiza, as mulleres representan 78,3% dos traballadores no sector asistencial, 80% dos traballadores de comercio e 95% do persoal de limpeza doméstica e axuda a domicilio. Por iso, o sindicato cre que "o papel esencial desempeñado por estas traballadoras durante a pandemia da Covid esixe volver avaliar de forma sistemática a súa remuneración, para que a súa verdadeira contribución se pague e valore de forma correcta".

Violencia no traballo

Pola súa banda, o sindicato CIG presentou tamén onte a súa campaña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia contra as Mulleres, e que este ano centrará na violencia exercida no traballo baixo a lema 'É acoso, é violencia machista no traballo'. 

A campaña, que terá o seu acto central o propio 25 de novembro con mobilizacións en cidades e vilas de todo o país, persegue o obxectivo de visibilizar "unha violencia silenciada, da que non se recollen datos nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais para a toma de conciencia social", denuncian desde o sindicato.

Así o explicou, en rolda de prensa, a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, quen sinalou que as denuncias por acoso son mínimas, xa que 72% das afectadas non pon en coñecemento da empresa a situación que está a padecer "A inmensa maioría das traballadoras optan por calar, por medo a non ser cridas, a represalias e mesmo ao despido", apuntou.

Ademais afirmou que moitas empresas incumpren coa obriga de ter un protocolo para a previr e tratar o acoso, incumprindo así a Lei de Igualdade de 2007.