Folga no transporte de viaxeiros: así afecta aos autobuses urbanos, interurbanos e escolares

O paro, que arranca esta segunda feira e fixa outras cinco xornadas máis de folga antes de facerse indefinida a partir do 23 de decembro se non hai acordo, afecta tamén aos guindastres.
Autobús urbano en Compostela (Foto: Nós Diario).
Autobús urbano en Compostela (Foto: Nós Diario).

Os condutores de autobuses urbanos, interurbanos e guindastres inician esta segunda feira unha folga xeral en todo o Estado para reivindicar a xubilación anticipada no sector, cuns servizos mínimos que se fixaron en 50%. Segundo a resolución de servizos mínimos publicada polo Ministerio de Transportes e Mobilidad Urbana, deberanse realizar 50% das expedicións actualmente autorizadas. Se se trata dunha ruta composta dunha soa expedición, realizarase na súa totalidade.

Longa distancia

As principais compañías que prestan servizos de autobuses de longo percorrido contactarán cos titulares dos billetes cuxo servizo se tivo que suspender, ofrecéndolles o cambio gratuíto da súa reserva para outra data.

Transporte escolar

Na Galiza, o Goberno da Xunta estabeleceu servizos mínimos no transporte público regular de uso especial-escolares co fin de garantir a entrada aos centros de ensino desde as 7.30 ate ás 10.30 horas, e tamén a saída desde as 13.30 até as 19 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a catro quilómetros.

Transporte laboral

Polo que se refire aos servizos regulares de uso especial para o transporte de traballadores e traballadoras terán que funcionar todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9 horas e posteriores ás 18 horas.

Ao igual que o Executivo galego, os Gobernos locais das vilas e cidadades con buses urbanos interurbanos tamén fixeron pública a relación de servizos mínimos, cos detalles das liñas e os horarios que estarán en funcionamento ao longo de toda a xornada.

As empresas de transporte teñen a obriga de dar a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao comezo e durante a folga.

Esta segunda feira é o primeiro día de folga, pero haberá máis xornadas de paro os días 11, 28 e 29 de novembro, 5 e 9 de decembro, e a partir do 23 de decembro de forma indefinida se non se chega antes a un acordo entre sindicatos e patronal. A decisión de continuar coa folga prodúcese tras o fracaso das negociacións que tiveron lugar a pasada quinta feira coa mediación do Ministerio de Traballo e Economía Social coas distintas patronais do sector.

Abertas ao diálogo

A Confederación Española de Transporte en Autobús (Confebús) e a Asociación de Transportes Públicos Urbanos e Metropolitanos (ATUC) lamentaron nun comunicado que non se puido chegar a un acordo que evite a folga. Ambas organizacións pediron aos sindicatos a elaboración dun estudo antes de acudir ao Ministerio para instar o inicio do procedemento de fixación da idade anticipada de acceso á xubilación dos condutores de autobús.

"Sen ese estudo, as principais asociacións do sector do transporte de viaxeiros non poden tomar ningunha decisión respecto diso, ao descoñecer as implicacións que unha medida deste calado puidese implicar", defenden, en relación co aumento nas cotizacións empresariais que suporá a xubilación anticipada.

Trátase dos dous únicos sectores (autobuses e guindastres) nos que non foi posíbel alcanzar un acordo, despois de que os de condución de ambulancias e os de mercadorías (principalmente camións) desconvocasen o paro tras negociar a petición ao Goberno da aplicación do adianto da xubilación polo perigo do sector. Con todo, as patronais aseguran que seguen abertas a novas conversacións para tratar de desbloquear esta situación.

Comentarios