O persoal dos centros de chamadas, convocado á folga esta cuarta feira para exixir un "convenio digno"

A Xunta decreta uns servizos mínimos de 80% no 112 e de 100% no 061.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
photo_camera Centro de atención a emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)

A CIG convoca para esta cuarta feira unha xornada de folga no sector dos centros de chamadas, "ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo e a postura da patronal", que, di o sindicato, "teima en recortar ao persoal dereitos que xa ten consolidados".

A xornada de folga será de 24 horas e afectará todos os centros de traballo deste sector que operan no país e que se rexen polo convenio colectivo estatal de centros de chamadas.

Aliás, convócanse senllas concentracións, todas ás 11.30 horas, en Vigo (Farola de Urzaiz), A Coruña (Obelisco), A Estrada (CIAG-061) e Sarria (fronte á empresa Inelcom).

"Mentres as empresas seguen a ter beneficios millonarios, o ano pasado o persoal empobreceuse 6,5% e en tres meses de 2022 levamos perdido 9%", salientan.

De forma paralela, lamentan a existencia de contratos de 15 horas semanais, "concatenando ampliacións de xornada cando á empresa lle convén e vivindo co medo de quedar sen a ampliación por coller unha baixa, facer uso dun permiso ou acudir a unha consulta médica".

A patronal, critican, puxo enriba da mesa un modelo de contratación temporal por circunstancias da produción que "imposibilita a estabilidade laboral" e un modelo de contrato fixo-descontinuo "que de 'fixo' só ten o nome".

Servizos mínimos

Pola súa parte, a Xunta estabeleceu os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes do Goberno galego durante a folga de 80% dos efectivos de operadores do 112 Galiza, e de 100% para o 061.

Comentarios