Folga no centro de chamadas do 061

A decisión adóptase polas “ameazas” da empresa de “non pagar as nóminas”. O paro realizarase o vindeiro 6 de xaneiro entre ás 19 e ás 21 horas.

061
photo_camera Imaxe de arquivo

O comité do Grupo Norte, empresa que xestiona o centro de chamadas do 061, vén de convocar folga parcial para o 6 de xaneiro en resposta á comunicación da empresa “asegurando que non garante o pago das nóminas (nin a de decembro nin as seguintes), para evitar que se produzan os impagos ou novos atrasos no cobro dos salarios, como xa ocorreu coas nóminas de novembro”.

Co paro, que se desenvolverá entre ás 19:00 e ás 21 horas da segunda feira 6 de xaneiro e afectará a máis de cen traballadores e traballadoras, tamén se demanda a apertura dunha mesa de negociación “estábel e eficaz” que permita dar solucións ás cuestións laborais pendentes dende hai meses.

O comité lembra que os problemas no cobro das nóminas comezaron ao pouco de anunciar a empresa a súa intención de non continuar co servizo, que ten que prestar en situación de prórroga forzosa mentres non se resolva o novo concurso.

A empresa, afirman, advirte que non pode pagar mentres a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 non lle pague a débeda existente. Mais, a maiores, a empresa comunicou a súa intención de aplicar unha modificación substancial das condicións laborais para eliminar o chamado "plus destino" que recibe o persoal en compensación polo cambio das instalacións de Santiago á Estrada, e que se logrou tras dúas convocatorias de folga.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios