Fame e falta de sono contra os despedimentos en Povisa
A folga de fame de catro traballadoras para reclamar a readmisión de 13 despedidas chegou á xornada número 12. A inacción da Xunta e o Sergas prolonga o conflito no centro médico. Vídeo no interior.
Dores de cabeza, dificultades para falar, entumecemento muscular, decaemento e algún pequeno susto da tensión arterial. Son os síntomas que padecen as folguistas de fame de Povisa que xa perderon máis de 8 quilogramos de peso. O seu non é un “xaxún voluntario” como o cualifica a dirección da empresa. A súa é unha medida de protesta extrema diante dunha situación laboral extrema.
Sen resposta da Xunta
O despedimento de 13 persoas o pasado 16 de marzo, logo de se frustrar o ERE co que a empresa pretendía desfacerse de varias decenas de traballadores e traballadoras, é apenas o último episodio dunha historia de precariedade e destrución de postos de traballo. Nos últimos anos son 74 as persoas despedidas e o 45% do plantel viu reducida a súa xornada de traballo. Todo malia obteren zumentos beneficios dun concerto especial co Sergas polo que o centro médico privado atende a case 140.000 doentes da sanidade pública. Só en 2014 obtivo lucros de 11 millóns de euros. E para os vindeiros dez anos ten garantidos ingresos do Sergas por volta dos 70 millóns.
A empresa fica indiferente, enrocada. Sen disposición a dialogar. Nin da readmisión das despedidas, nin da negociación dun novo convenio. O tempo xoga ao seu favor, valéndose de que dúas traballadoras e dous traballadores estean a se xogar literalmente o tipo nun protesto. Sen noticias tampouco da Xunta de Galiza nin do Sergas. A delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, comprometeuse co Comité de Empresa o pasado día 11 a intervir no conflito. Malia asegurar que está realizar unha mediación canda a Inspección de Traballo, non se ten información nin se rexistou ningún avance. Bravo Bosch rexeitaba esta mesma semana receber ao Secretario Comarcal da CIG, Alberte Gonçalves, que preocupado polo estado de saúde das folguistas urxiulle un encontro. Tampouco atendeu o reclamo do BNG ou AGE que exixían a implicación do Goberno galego para resolver o conflito laboral.
O conflito parece ir para longo. O secretario comarcal da CIG advertía a pasada quinta feira á empresa de que a central nacionalista “no seu conxunto” faría propio o conflito. “Xuntos e xuntas imos confrontar con firmeza a actitude fascista da dirección de Povisa. Que saiba o seu propietario que o problema non o ten só cos compañeiros e compañeiras en folga de fame, coas 13 persoas despedidas ou co comité de empresa. Se non rectifica de maneira inmediata readmitindo o persoal despedido e abrindo a negociación para un novo convenio, en frente vai ter tamén toda a forza da CIG” clamou Gonçalves ás portas do Hospital onde o sindicato concentrou varios centos de delegados e delegadas.