Fame e falta de sono contra os despedimentos en Povisa

A folga de fame de catro traballadoras para reclamar a readmisión de 13 despedidas chegou á xornada número 12. A inacción da Xunta e o Sergas prolonga o conflito no centro médico. Vídeo no interior.

Dores de cabeza, dificultades para falar, entumecemento muscular, decaemento e algún pequeno susto da tensión arterial. Son os síntomas que padecen as folguistas de fame de Povisa que xa perderon máis de 8 quilogramos de peso. O seu non é un “xaxún voluntario” como o cualifica a dirección da empresa. A súa é unha medida de protesta extrema diante dunha situación laboral extrema. 

Chus Neira, Carmen Couto e Eduardo Davila levan doce días e doce noites sen inxerir alimentos. Alejandro Villar, un dos traballadores despedidos sumouse ao protesto a pasada segunda feira. Apenas consumen bebidas isotónicas diluídas en auga. Aos efectos da falla de inxesta engádese tamén a represión da empresa, que non dubida en as martirizar con medidas como acender e apagar as luces cada media hora pola noite. Non comen e non as deixan durmir. Esta situación xa foi denunciada diante da inspección de traballo e da fiscalía. Para a CIG-Saúde estas prácticas aproxímanse moito a formas de tortura psicolóxica.

Mais elas resisten. A falla de azos físicos é suplida polo alento da solidariedade. Solidariedade de clase. Durante o día receben decenas de visitas de compañeiras e compañeiros do Hospital que se interesan por elas, que lles ofrecen unha verba de ánimo e sorrisos de complicidade. Son moitas as que deciden pasar todo o seu tempo de descanso ao carón das folguistas. Un xesto que se arrepón ás coaccións que denuncian está a receber o plantel por parte da dirección da empresa. O persoal de seguridade do hospital ten orde estrita de non falar con elas. Mostras de apoio tamén das e dos usuarios do hospital, que se achegan nunha constante pingueira para asinaren en solidariedade co persoal. Nos últimos anos foron varios milleiros as reclamacións presentadas diante do Sergas por doentes denunciando a falla de persoal do hospital, o que incide nunha importante merma da calidade asistencial. Esta mañá está previsto que receban a visita da monxa activista catalana Sor Lucía Caram.

O espazo queda pequeno. A atmosfera chega a ser algo agobiante e de cando en vez teñen que saír ao exterior, a tomar aire, a estirar as pernas e ollaren a luz do día. Demasiadas horas baixo lámpadas fluorescentes. As folguistas están instaladas nunha esquina da recepción do Hospital. Paradoxalmente só uns poucos metros as separan da cafetaría. A mesma na que o Conselleiro Delegado, José Bernardo Silveira, gozaba sen disimulo dun café con churros cando xa levaban unha semana de fame. As colchonetas e as mantas fanse sitio contra as paredes. No medio destas, a máquina de moedas na que familiares de persoas ingresadas recargan -atravesando o improvisado campamento- a tarxeta do sistema de televisión, de pago, das habitacións. O único mobiliario son tres cadeiras, desas que hai en toda sala de espera, unha banqueta, e unha mesiña portátil auxiliada ás veces por unha neveira de camping. Pequenos cartaces en tamaño folio desafían a prohibición da dirección dando a coñecer o motivo da súa loita. Teñen que facer garda permanente. Non se poden distraer, pois en canto abandonan o lugar para participar dalgún protesto no exterior comezan a recoller as súas cousas. A empresa mesmo tentou quitarlles a mesa portátil, a mesma na que teñen o tensiómetro e as anotacións dos seus controis periódicos.

Sen resposta da Xunta

O despedimento de 13 persoas o pasado 16 de marzo, logo de se frustrar o ERE co que a empresa pretendía desfacerse de varias decenas de traballadores e traballadoras, é apenas o último episodio dunha historia de precariedade e destrución de postos de traballo. Nos últimos anos son 74 as persoas despedidas e o 45% do plantel viu reducida a súa xornada de traballo. Todo malia obteren zumentos beneficios dun concerto especial co Sergas polo que o centro médico privado atende a case 140.000 doentes da sanidade pública. Só en 2014 obtivo lucros de 11 millóns de euros. E para os vindeiros dez anos ten garantidos ingresos do Sergas por volta dos 70 millóns. 

A empresa fica indiferente, enrocada. Sen disposición a dialogar. Nin da readmisión das despedidas, nin da negociación dun novo convenio. O tempo xoga ao seu favor, valéndose de que dúas traballadoras e dous traballadores estean a se xogar literalmente o tipo nun protesto.  Sen noticias tampouco da Xunta de  Galiza nin do Sergas. A delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, comprometeuse co Comité de Empresa o pasado día 11 a intervir no conflito. Malia asegurar que está realizar unha mediación canda a Inspección de Traballo, non se ten información nin se rexistou ningún avance. Bravo Bosch rexeitaba esta mesma semana receber ao Secretario Comarcal da CIG, Alberte Gonçalves, que preocupado polo estado de saúde das folguistas urxiulle un encontro. Tampouco atendeu o reclamo do BNG ou AGE que exixían a implicación do Goberno galego para resolver o conflito laboral. 

O conflito parece ir para longo. O secretario comarcal da CIG advertía a pasada quinta feira á empresa de que a central nacionalista “no seu conxunto” faría propio o conflito. “Xuntos e xuntas imos confrontar con firmeza a actitude fascista da dirección de Povisa. Que saiba o seu propietario que o problema non o ten só cos compañeiros e compañeiras en folga de fame, coas 13 persoas despedidas ou co comité de empresa. Se non rectifica de maneira inmediata readmitindo o persoal despedido e abrindo a negociación para un novo convenio, en frente vai ter tamén toda a forza da CIG” clamou Gonçalves ás portas do Hospital onde o sindicato concentrou varios centos de delegados e delegadas.

Comentarios