Novo accidente mortal: falece un operario de 38 anos nunha nave de materiais de construción de Tui

Os sanitarios non puideron facer nada por salvar a vítima. (Foto: Sergas)
O home, identificado coas iniciais M.E.M., caeu enriba dun palé desde unha carretilla elevadora.

Un traballador de 38 anos faleceu esta segunda feira na localidade de Tui despois de caer desde unha carretilla elevadora. O suceso ocorreu no lugar de Ribe, contra as 11.30 horas, nunha nave de materiais de construción e accesorios.

O home, con iniciais M.E.M., atopábase nunha carretilla elevadora cando se precipitou enriba dun palé, segundo veñen de comunicar fontes do 112 Galiza.

O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia enviou até o lugar unha ambulancia medicalizada de soporte vital básico cun equipo de Atención Primaria. Xa no punto, realizaron manobras de reanimación á vítima, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Ademais, tamén acudiron ao lugar do suceso axentes da Garda Civil e da Policía Local co fin de recoller todos os datos relacionados con este sinistro.