Experiencias laborais da muller galega no rural

Traballar no rural aumenta as dificultades para as mulleres pola mala calidade dos servizos e a imposibilidade, en moitos casos, de contar con recursos para a dependencia. Conversamos con Pilar Vispo e María Ferreiro no Día Internacional das Mulleres Rurais.

[Imaxe: Cedida] María Ferreiro, gandeira
photo_camera [Imaxe: Cedida] María Ferreiro, gandeira

Pilar Vispo é labrega. Ten a súa explotación en Camanzo, Vila de Cruces, e traballa os produtos da horta que chegan até Compostela onde ten un posto na praza de Abastos. Considera que a situación para a muller no rural mudou moito, para ben, con anos. “O meu traballo está recoñecido mais custou moito chegar até aquí”.

Os problemas veñen cos atrancos administrativos que dificultan, moitas veces, o seu día a día. “Axúdanos moito pertencer a un sindicato agrario como é no meu caso a Federación Rural Galega, Fruga”. Explica que os servizos no rural seguen a ser deficitarios. “Temos que ter un coche porque eliminaron os autobuses todos e logo está o tema sanitario”, explica a Sermos Galiza, “estiven no Centro de Saúde e botei tres horas porque o médico foi cubrir unha urxencia e o centro quedou desatendido tres horas... se chega outra urxencia non hai quen a atenda”.

“Cotizamos como os homes e temos máis visibilidade no rural, falo da miña experiencia, aínda que segue a haber moito machismo”, recoñece. O problema é cando chega o tema dos coidados. “As mulleres gañamos menos e somos as que temos que abandonar o traballo para coidar crianzas e maiores”.

María Ferreiro é gandeira. Traballa e vive no Outeiro, Curtis. Como responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego ten acceso a moitos casos que suman experiencias. Coincide en moitos aspectos co relato que traza Pilar Vispo dos principais problemas que ten a muller no rural galego. Denuncia que os servizos non funcionan no rural. “É imposíbel fixar poboación no rural se non funciona o transporte ou a sanidade por exemplo”.

Conta que, no seu caso e no doutras mulleres, ten moi difícil compaxinar a súa vida cos coidados aos maiores. “Non contamos con lugares nin con recursos para poder ter unhas horas libres e as que nos conceden por dependencia son mínimas e non chegan a tres horas diarias cando noutros lugares, como é o caso de Euskadi, teñen cobertura por máis de seis horas”. Atender ao traballo e tamén aos coidados é unha das principais eivas que atopan as muller no rural segundo as experiencias consultadas por Sermos Galiza.

'Mulleres de seu'

Hai algunhas experiencias interesantes no rural en relación á muller dentro do cooperativismo. Un exemplo é a iniciativa 'Mulleres de seu', unha experiencia que integra a máis dun cento de socias da cooperativa CLUN. Esta mesma terza feira organizou un debate sobre como se vertebra a sociedade rural a través do traballo da muller. Para este foro é importancia e clave o traballo das mulleres na sociedade rural.

O Encontro quixo reivindicar o papel esencial da muller no rural de Galicia desde diferentes perspectivas, vinculando as tarefas das mulleres na gandería, agricultura, medio ambiente ou pesca como eixos do desenvolvemento da sociedade rural á altura de Europa e do mundo. Para Carmen Rodríguez, coordinadora desta iniciativa, son importantes para o papel da muller no rural, a demais da colaboración mutua, “as accións formativas, encontros e xornadas de traballo” que propicia a propia iniciativa de CLUN.

Arabías

Outra experiencia é a de Arabías, que por segundo ano consecutivo desenvolve a Escola Espadela, en colaboración coa Sección de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, un espazo de apoderamento para mulleres do medio rural das comarcas de Arzúa, Betanzos e Ferrol.

Comentarios