Exixen á empresa do SAF que permita ás traballadoras deixar o domicilio se están en perigo

Concentrción esta quinta feira, na Guarda (Baixo Miño), de repulsa do asasinato do Porriño. (Foto: Nós Diario)
O asasinato de Teresa de Jesús na terza feira nun domicilio do Porriño no que estaba a traballar como auxiliar do SAF ten provocado unha onda de repulsa e indignación dentro do colectivo destas empregadas e nos sindicatos. O día 13 irán á folga.

O comité de seguridade e saúde do servizo de  axuda no fogar (SAF) do Porriño reuniuse esta quinta feira de urxencia a petición dos sindicatos que representan as 60 traballadoras deste servizo no concello. No encontro estaba representada a empresa concesionaria, Aralia. Diante da gravidade dos feitos acontecidos co asasinato de Teresa de Jesús na terza feira -a mans do marido da usuaria á que esta traballadora atendía no seu domicilio-, a concesionaria recibiu a exixencia da CIG e de CCOO -con tres e dous representantes, respectivamente- de que de forma “inmediata” garanta que calquera traballadora do SAF do Porriño que sinta en perigo a súa integridade nun servizo nun domicilio poida abandonar inmediatamente a vivenda “amparada pola empresa”.

Nunha reunión de máis de tres horas, os sindicatos demandaron da empresa toda a información detallada a respecto do caso de Teresa de Jesús, e coñeceron pola empresa, segundo sinalaron a Nós Diario fontes presentes na reunión, a posíbel existencia no concello doutros tres “domicilios complicados” nos que os sindicatos pediron xa a Aralia “que actúe”. Sinalaron os sindicatos que o plantel do SAF do Porriño está “en estado de shock” e que esta medida de emerxencia ten que “tranquilizar as traballadoras”.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta quinta feira que a Xunta colaborará coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dun protocolo de protección para o persoal do SAF. Un anuncio que se produce 48 horas após o asasinato de Teresa de Jesús e as denuncias de traballadoras e sindicatos sobre as situacións de violencia e acoso que sofren. O anuncio feito pola conselleira contrasta coa votación do grupo parlamentario do Partido Popular no Parlamento en decembro de 2020 -García era xa conselleira e tamén deputada na Cámara polo PP- contra o estabelecemento, precisamente, dun protocolo con ese mesmo obxectivo.

O BNG presentara unha proposición non de lei sobre a actuación que debía levar a cabo o Goberno galego coa fin de modificar a normativa vixente que regula o servizo de axuda no fogar, así como as cuestións que se deben introducir nela. No punto 7 desta iniciativa incluíase “elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión no domicilio, violencia machista ou discriminación”. No punto 8, ademais, instábase a “introducir as modificacións normativas oportunas que permitan adoptar, con seguridade xurídica para os concellos, medidas de suspensión temporal ou total do servizo en casos de agresión, violencia machista ou discriminación, entre outros”.

O portavoz do PP neste debate, Alberto Pazos Couñago -hoxe voceiro do grupo parlamentario popular-, afirmaba que xa existía unha guía “de actuación coordinada contra maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade, onde xa está previsto ese tipo de actuacións”. 

Política Social responsabiliza os Concellos

A Consellaría de Política Social, competente na Galiza na atención á Dependencia en aplicación da Lei 39/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia do Estado español, nega agora as súas responsabilidades na materia. En resposta a unha consulta de Nós Diario arredor do asasinato de Teresa de Jesús, o departamento de Fabiola García limítase a argumentar que o SAF “é competencia municipal”,  polo que “compete a esta Administración local todo o relativo aos regulamentos e protocolos”. Sinalan tamén desde Política Social na súa resposta a este xornal que “do mesmo xeito, os que teñen que suspender o servizo son os titulares do mesmo”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembra que “a responsabilidade do servizo público de atención no domicilio correspóndelle á Administración autonómica, que transferiu aos Concellos a súa prestación e que é obxecto dunha brutal privatización”. De feito, subliña Carril, a competencia inspectora no sector “exércea a Consellaría de Política Social que é o departamento que debe fixar os protocolos de actuación e unha prevención de riscos común e de obrigado cumprimento para todos os servizos”.

Tamén desde o PSdeG, a deputada Silvia Longueira sinalou que a normativa vixente –a Orde do 22 de xaneiro de 2009, que regula o servizo de axuda a domicilio na Galiza– estabelece que a prestación do servizo “debe adaptarse ao programa individual de atención da persoa usuaria”, e que “calquera modificación ou extinción dese programa debe ser notificada ao órgano competente da Xunta”.

A decisión final sobre suspensións recae, por tanto, na Consellaría de Política Social, a través da súa Inspección de Servizos Sociais. “Os Concellos, aínda que son titulares do servizo, non teñen potestade para actuar de forma autónoma ante situacións urxentes, polo menos nos casos vencellados á dependencia”, lembrou Longueira.

Investigación do caso

O suposto autor material do asasinato non foi posto hoxe a disposición da xuíza, tal e como se prevía. A forense, á vista dos exames psiquiátricos que lle practicaron ao septuaxenario, decidiu que “non está en condicións de declarar” diante da xuíza polo asasinato, polo que continuará ingresado nun hospital de Vigo.

Profesionais de atención domiciliaria farán folga

Oasasinato na terza feira da auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Teresa de Jesús nun domicilio no que prestaba asistencia na parroquia porriñesa de Atios terá unha resposta contundente por parte de todo o sector, avanzou a CIG. A central nacionalista -con representación maioritaria no SAF na Galiza- convocou unha folga de todas as traballadoras no país para o vindeiro 13 de agosto e hoxe mesmo haberá en todos os concellos concentracións ás doce do mediodía en resposta e solidariedade con Teresa e na demanda do colectivo de “medidas de protección efectiva”.

Co lema “Polos nosos dereitos. Nin un asasinato máis” as traballadoras deste servizo concentraranse diante dos concellos por todo o país para amosar o seu rexeitamento ao asasinato de Teresa no Porriño e para demandar o recoñecemento dos seus dereitos laborais e un protocolo de seguridade común que remate coa “precariedade” laboral.

A CIG enmarca tanto a folga como as concentracións de hoxe dentro das “medidas de presión” precisas para que diante do acontecido a Teresa no Porriño haxa “un antes e un despois” e as administracións competentes tomen medidas en todo o país. Tamén UXT e a CIG convocaron para hoxe concentracións diante da sede da Xunta da Galiza na Praza do Concello polo crime do Porriño.