O PP votou no Parlamento en contra dunha proposición para elaborar un protocolo no SAF fronte a situacións de violencia

A bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza durante o pleno que decorreu o 9 de decembro. (Foto: Europa Press)

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta quinta feira que a Xunta colaborará coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dun protocolo de protección para o persoal do Servizo de Axuda non Fogar (SAF). En 2020 o Partido Popular opúxose a unha proposición non de lei que instaba a elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión no domicilio, violencia machista ou discriminación, así como a permitir a suspensión do servizo de darse esas situacións.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta quinta feira que a Xunta colaborará coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dun protocolo de protección para o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Un anunciou que se produce após o asasinato dunha traballadora deste servizo a segunda feira no Porriño (comarca de Vigo) e as denuncias de traballadoras e sindicatos sobre as situacións de violencia e acoso que sofren.

O anuncio feito pola conselleira contrasta coa votación do Grupo Parlamentario Popular no Parlamento en decembro de 2020 -García era xa conselleira e tamén deputada na Cámara polo PP- contra o estabelecemento, precisamente, dun protocolo con ese mesmo obxectivo.

O BNG presentara unha proposición non de lei sobre a actuación que debía levar a cabo o Goberno galego coa fin de modificar a normativa vixente que regula o servizo de axuda no fogar, así como as cuestións que se deben introducir nela. No punto 7 desta iniciativa incluíase “elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión no domicilio, violencia machista ou discriminación”.

No punto 8, ademais, instábase a “introducir as modificacións normativas oportunas que permitan adoptar, con seguridade xurídica para os concellos, medidas de suspensión temporal ou total do servizo en casos de agresión, violencia machista ou discriminación, entre outros”.

“Mellorar as condicións de traballo, que pasan tamén por contar con protocolos de intervención e de prevención sobre situacións que cada vez son máis habituais nos domicilios das persoas usuarias, onde se producen casos de discriminación, casos de agresión sexual ou mesmo de racismo”, afirmara a deputada Olalla Rodil na súa intervención aquel día.

“O que pedimos”, explicaba a parlamentaria nacionalista, “é que se elaboren protocolos e que se fagan as reformas normativas que sexan necesarias para poder suspender con carácter temporal ou absoluto o servizo naqueles casos en que se produce, efectivamente, esa vulneración de dereitos. Hoxe a normativa só prevé a suspensión temporal do servizo en dous casos que nada teñen a ver coas condicións laborais”.

Na súa quenda de intervención, o portavoz do PP neste debate, Alberto Pazos Couñago, afirmaba que xa existía unha guía “de actuación coordinada contra maltrato de persoas maiores ou adultas con discapacidade, onde xa está previsto ese tipo de actuacións”.

O Partido Popular votou en contra e o PSdeG apoiou a proposición impulsada polos nacionalistas. Unha votación que implicou que non saíse adiante a proposta de elaborar protocolos de prevención e intervención en casos de agresión no domicilio, violencia machista ou discriminación.