Convocada folga no SAF en toda a Galiza para o 13 de agosto
A CIG, convocante do paro, tamén chama a concentracións nos concellos para esta sexta feira. A central nacionalista urxe a Xunta da Galiza a reunir xa a todas as partes para acordar un plan de prevención e protocolos de actuación de obrigado cumprimento.
A CIG vai convocar unha xornada de folga en todos os servizos de axuda no fogar (SAF) de Galiza para a cuarta feira 13 de agosto en resposta ao asasinato da traballadora do Porriño (comarca de Vigo), en solidariedade coa súa familia e para exixir medidas que garantan a protección efectiva das traballadoras deste sector. A convocatoria, que se formalizará ao longo desta mañá, afectará o conxunto dos servizos de atención no fogar.
Esta medida de presión súmase á xornada de concentracións convocada pola central sindical para esta sexta feiras 1 de agosto, ás 12 horas, diante dos concellos, en repulsa ao feminicidio de Teresa de Jesús González e na demanda dunhas condicións laborais dignas e seguras.
Ambas as dúas mobilizacións encádranse nas accións urxentes acordadas pola CIG “en resposta ao asasinato da compañeira do SAF mentres realizaba o seu traballo nun domicilio. Un feito intolerábel que evidencia total precariedade deste colectivo e que debe supor un antes e un despois nas condicións en que se presta este servizo público esencial. O clamor social pola morte de Teresa debe servir para avanzar nas demandas que a CIG e as traballadoras levan anos reivindicando sen recibir resposta”.
Neste contexto, a central nacionalista remitiu, esta cuarta feira, un escrito dirixido ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á conselleira de Política Social, Fabiola García, e á Fegamp demandándolles a convocatoria inmediata dunha reunión conxunta coas organizacións sindicais máis representativas do SAF, a patronal do sector e con presenza da Inspección de Traballo, co obxectivo de dar solución á falta de seguridade, acordar un plan de prevención de riscos e un protocolo de actuación ante o acoso e as agresións de obrigado cumprimento en todos os servizos de atención no fogar da Galiza.
“Pasadas 48 horas do asasinato de Teresa, a Xunta de Galiza aínda non reaccionou”, critica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Advirte que o tempo que demora o Goberno galego convocar esta reunión para buscar solucións “é tempo no que a Xunta está eludindo as súas responsabilidades, converténdose en cómplice do risco grave e inminente ao que están expostas as traballadoras do SAF”.
Lembra que a responsabilidade do servizo público de atención no domicilio correspóndelle á administración autonómica, que transferiu aos concellos a súa prestación e que é obxecto dunha brutal privatización. De feito, subliña Carril, a competencia inspectora no sector exércea a Consellaría de Política Social que é o departamento que debe fixar os protocolos de actuación e unha prevención de riscos común e de obrigado cumprimento para todos os servizos.
“A responsabilidade máxima e última sobre este servizo esencial segue sendo da Xunta de Galiza, que ten a última palabra na decisión de suspender a axuda no fogar a unha persoa usuaria”, asevera. Neste senso, o secretario xeral apunta que a CIG segue tamén á espera de que o Concello do Porriño actúe e proceda á suspensión cautelar do servizo á actual concesionaria, mentres non se garantan a seguridade e a integridade das traballadoras.
Xunta e Fegamp
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta quinta feira que a Xunta colaborará coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dun protocolo de protección para o persoal do Servizo de Axuda non Fogar (SAF).