Estes son os festivos estatais do ano 2026

O BOE publica o calendario laboral do vindeiro ano, con 9 festivos comúns para todo o Estado español.
Un móbil co calendario de 2026. (Foto: Europa Press)
Un móbil co calendario de 2026. (Foto: Europa Press)

O calendario laboral de 2026 recolle un total de 9 festivos que se celebrarán de forma conxunta en todo o Estado español, o mesmo número que este ano, segundo unha resolución da Dirección Xeral de Traballo publicada esta terza feira no Boletín Oficial do Estado (BOE).

En concreto, en 2026 serán festa en todo o Estado español a quinta feira 1 de xaneiro (Aninovo), a terza feira 6 de xaneiro (Día de Reis), a sexta feira 3 de abril (Sexta feira Santa), a sexta feira 1 de Maio (Día Internacional do Traballo), o sábado 15 de agosto, a segunda feira 12 de outubro (Día da Hispanidade), o domingo 1 de novembro (Todos os Santos), a terza feira 8 de decembro e a sexta feira 25 de decembro (Nadal).

Existen outros festivos comúns que as comunidades autónomas poden desprazar a outro día. Así ocorreu coa quinta feira 2 de abril (Quinta feira Santa), que será festivo en todo o Estado español menos en Catalunya e no País Valencià, pero non co Día de Reis, que todas as comunidades autónomas decidiron manter.

Catro fins de semanas longas

Entre as facultades recoñecidas ás comunidades autónomas atópase tamén a posibilidade de substituír o descanso da segunda feira seguinte ás festas estatais que coinciden en domingo pola incorporación doutras que lles sexan tradicionais, así como a opción de celebrar San Xosé (19 de marzo) ou Santiago Apóstolo (25 de xullo) no seu correspondente territorio.

En concreto, as traballadoras e os traballadores poderán gozar de polo menos catro fins de semana longas en todas as comunidades autónomas : a sexta feira 3 de abril; a sexta feira 1 de Maio; a segunda feira 12 de outubro, e a sexta feira 25 de decembro.

Así mesmo, o 2026 contará cun total de 14 días festivos, dos que dous serán locais, fixados por cada concello. As doce festividades restantes son de ámbito estatal e autonómico, que suman nove días que se celebran en todo o Estado.

Comentarios