domingo 24/10/21

Os ERTE e os subsidios ao colectivo autónomo seguen adiante até 31 de maio

O Goberno español ten previsto aprobar mañá en Consello de Ministras a extensión dos ERTE e das axudas ao colectivo de traballadoras autónomas até o 31 de maio. Entre as novidades destaca a simplificación administrativa, xa que as empresas non terán que solicitar nin tramitar un novo expediente ante a autoridade laboral. 
A ministra Díaz (Traballo) e o ministro Escrivá (Seguridade Social) nunha rolda de prensa conxunta (Foto: Ministerio de Traballo)
A ministra Díaz (Traballo) e o ministro Escrivá (Seguridade Social) nunha rolda de prensa conxunta (Foto: Ministerio de Traballo)

O Consello de Ministras dará hoxe luz verde a unha nova prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e da prestación por cesamento de actividade das traballadoras e traballadores autónomos até o 31 de maio, medidas que terán un custo próximo aos 7.000 millóns de euros, dos que 5.000 millóns corresponderán aos ERTE e uns 2.000 millóns á prestación de autónomos.

O esquema de protección dos ERTE non vai sufrir variacións. Mantéñense as tres modalidades actuais, como son os destinados a sectores 'ultraprotexidos' e ás empresas vinculadas á súa cadea de valor; os de impedimento da actividade e os de limitacións, estes dous últimos pensados para as empresas afectadas polas diferentes medidas de restrición que adopten as Administracións para frear o avance do coronavirus, como poden ser as reducións de capacidade ou as limitacións de horarios.

O que si, a nova prórroga (a anterior foi o 31 de xaneiro) traerá consigo unha simplificación dos trámites para estender este tipo de figuras no tempo, xa que non serán necesarias novas autorizacións administrativas. Así as empresas que sexan titulares dun ERTE por impedimento ou por limitación autorizado antes ou durante a vixencia desta norma, non terán que solicitar e tramitar un novo expediente ante a autoridade laboral para pasar dun a outro. Bastará con que remitan unha comunicación á autoridade laboral e á representación sindical. Tampouco será necesario que remitan unha nova solicitude colectiva de prestacións ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

Sectores 'ultraprotexidos'

Onde tamén hai modificacións é na listaxe de sectores 'ultraprotexidos', grazas a incorporación de criterios "máis xenerosos" por parte do Goberno estatal na súa selección. Así, na lista de 42 códigos de actividade (CNAE) entran novos sectores, como cámpings e aparcamentos de caravanas, alugueiro de medios de navegación, e actividades de mantemento físico, que elevan a protección a 50.000 traballadores que antes non estaban cubertos

Estas referencias entraron na lista ao recuperar menos de 70% da actividade entre abril e finais de decembro e presentar unha porcentaxe de persoas afiliadas cubertas por ERTE superior a 15%. Por contra, saen desta listaxe fabricación de alfombras, estirado en frío e fabricación de instrumentos musicais.

Axudas para autónomos 

O Consello de Ministras tamén ten previsto aprobar mañá a prórroga das axudas vixentes para traballadoras e traballadores autónomos acordada coas súas asociacións (ATA, UPTA e Uatae), aínda que con algunhas modificacións.

A protección a este colectivo seguirase articulando ao redor de catro axudas: a prestación por suspensión de actividade; a prestación compatíbel coa actividade cando haxa caída de ingresos; prestación extraordinaria para quen non poida acceder ás dúas axudas anteriores, e prestación para autónomos de tempada.

A prestación compatíbel coa actividade flexibiliza nesta nova prórroga o requisito de ingresos. Así, poderana solicitar aquelas persoas que traballen por conta propia cuxa facturación no primeiro semestre de 2021 caia 50% (antes era 75%) fronte ao segundo semestre de 2019. 

Outra das novidades é que se suspende até o 31 de maio a subida progresiva dos tipos de continxencias profesionais e de cesamento (do 0,3%), previsto na Real Decreto-lei 28/2018.

Rexeitamento da CIG

Tanto o Goberno estatal como os sindicatos asinantes do acordo de extensión destas medidas, CCOO e UXT, celebraron a decisión polo impacto que ten no mercado laboral. 

Na Galiza, onde os ERTE afectan a 27.000 persoas traballadoras, o sindicato maioritario, a CIG, insiste, como xa fixera no seu día, en sinalar que a prórroga dos ERTE, sen derrogar antes os aspectos máis lesivos da reforma laboral, "é unha tortura insufríbel" para a clase traballadora, xa que supón profundar "no abuso patronal" nun contexto de crise que xera "as condicións perfectas" para que estes expedientes de regulación rematen en despedimentos. 

Neste senso, critican que na toma de decisións por parte das Administracións estea a primar a posta por "salvagardar a economía" no canto de facelo por salvagardar a saúde das persoas.

comentarios