EPA: o paro descende en Galiza un 2,17% fronte ao 4,5% da media española

 A taxa de paro sitúase no 17,7%.

paro desemprego traballo

O número de persoas desempregadas na Galiza descendeu nun 2,17% no segundo trimestre do ano, segundo vén de recoller a EPA, Enquisa de poboación activa, que se publicou esta quinta feira. Son 4.900 persoas menos no paro que as existentes no primeiro trimestre de 2016. A taxa de paro sitúase nun 17,7%, por baixo da media estatal (20%) mais por riba da dos territorios da nosa contorna agás Asturies. Así, a taxa de desemprego en Castela-León é do 16,2% e en Cantabria está no 15,3%. Euskadi é outro mundo, cunha taxa de paro que non supera o 13%, a máis baixa do Estado español.

Hai 222.900 persoas no paro na Galiza, indica a EPA. E 1.034.000 ocupadas. O descenso neste trimestre no número de parados, un 2,17%, fica por baixo da media estatal, que foi do 4,5%. Porén, na comparativa interanual, o descenso de persoas no desemprego foi no noso país do 11,9% fronte a un 11% de media no Estado español.

Un total de 75.700 familias teñen a todos os seus membros activos no paro

Para a CIG os datos da EPA indican que o mercado laboral galego "non dá síntomas de recuperación" e continúa a destruír emprego. "O noso país contabiliza un total de 5500 activos menos con respecto ao mesmo período do ano anterior, ao tempo que rexistra un incremento da temporalidade e mantén un alto índice de paro xuvenil e de longa duración". Unha análise partillada por outros axentes sociais. "Un total de 75.700 familias teñen a todos os seus membros activos no paro", afirma o sindficato nacionalista. Son 4.500 menos que no anterior trimestre.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios