martes 24/11/20

EPA do terceiro trimestre: 23.000 persoas menos con emprego que hai un ano

Oficina do Servizo Público de Emprego en Compostela.(Nós Diario)
Oficina do Servizo Público de Emprego en Compostela.(Nós Diario)

Hai 23.000 persoas menos con emprego na Galiza que hai un ano. É un dos datos que fornece a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre que se publicou hoxe, terza feira, polo INE.

O paro subiu en 2.300 persoas, o que supón un 1,61% máis que no trimestre anterior, case nove puntos menos que a media estatal. Desta forma, as e os desempregados na Galiza  atinxen os 144.800, que son 1.400 persoas máis que no terceiro trimestre de 2019 (+0,94%).

Pola súa banda, as e os ocupados galegos, 1.082.600 en total, son 32.200 máis que no segundo trimestre (+3,06%), pero 23.100 menos que no mesmo período do ano pasado (-2,09%).

Así as cousas, a taxa de paro na Galiza sitúase no 11,8%, mentres que a taxa de actividade ascende ao 52,48%. Por sexos, o desemprego acada o 13,04% en mulleres (cun 47,64% de taxa de actividade) e o 10,68% en homes (57,75% de actividade).

Na Galiza as persoas activas aumentaron en 34.500  no terceiro trimestre respecto ao segundo (+2,89%), até 1.227.400, que, en calquera caso, son 21.800 menos que no terceiro do pasado exercicio (-1,74%).

A poboación de 16 anos e máis na Galiza, 2.339.000 persoas,  repuntou en 200 en taxa  intertrimestral (+0,01%), e en 3.100 en variación interanual (+0,13%).

No conxunto estatal, o desemprego incrementou en 355.000 persoas no terceiro trimestre, un 10,5% máis que no trimestre anterior e a ocupación creceu en 569.600 postos de traballo (+3%), o seu maior aumento trimestral de toda a serie histórica.

comentarios