luns 01.06.2020
Traballo

Empresa madrileña busca persoal para o hospital de campaña en Compostela cuxa instalación a Xunta evita confirmar

A Xunta da Galiza di que debatirá estes días se vai habilitar un hospital de campaña en Compostela pola crise do coronavirus, mais unha empresa privada con sede en Madrid ten aberto un proceso de selección de persoal de cociña para el. 
Hospital de Campaña (Europa Press)
Hospital de Campaña (Europa Press)

A empresa Compass, con sede en Madrid, ten aberto desde hai tres días un proceso de selección para persoal de cociña dun "hospital de campaña" en Compostela nunha coñecida páxina web para búsquedas de traballo. 

Este hospital de campaña, do que non se achega máis información que a súa ubicación en Compostela, e para o que piden "dispoñibilidade completa" e "incorporación inmediata", non foi anunciado pola Xunta da Galiza oficialmente até o momento. O propio Feixoo dicía este domingo que era unha posibilidade que estaba sobre a mesa mais esquivaba calquera posíbel confirmación.

De feito, o Goberno galego non se ten manifestado aínda publicamente sobre se vai empregar este método para aliviar a presión asistencial dos centros hospitalarios da capital a medida que nos acheguemos ao pico de contaxios por coronavirus. 

Con todo, desde o departamento de selección do Compass Group, consultado por Nós Diario, aseguran que "o normal" é que cando se publica unha oferta de emprego a empresa teña asegurado que ese traballo se vai realizar. Porén, apuntan que a empresa "poder ser previsora" e iniciar o proceso de selección "por se acaso", antes de que se confirme a propia existencia do hospital, "para ir pedindo candidatos" ao ter claro que se van obter ese contrato "cando saia"

En concreto, a empresa busca 20 traballadoras e traballadores para cociñeiros e auxiliares. Ofrecen un "contrato temporal", "xornadas parciais en función de categoría", "quendas continuas rotativas de segunda feira a domingo" e un salario "por convenio" sen especificar. Xa hai máis de 120 persoas inscritas. 

As e os cociñeiros deberán saber elaborar as comidas "según fichas técnicas" e ter un "control e coidado da conservación e aproveitamento dos produtos postos ao seu dispor". As e os auxiliares teñen cometidos como "limpeza e desinfección" de "platos, ferramentas de traballo e superficies de comedor, cociña e vestuarios". 

Listas do Sergas

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) conta con listas públicas de persoal de cociña, cociñeiros e pinches, admitidos para traballar na sanidade pública na que figuran centos de persoas coas que, á vista desta oferta de emprego, non se vai contar para o hospital de campaña proxectado para Compostela

comentarios