Díaz afirma que a reforma laboral non se pode derrogar

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Europa Press).
A ministra de Traballo e vicepresidenta segunda confía en chegar a un acordo con sindicatos e patronal sobre a reforma laboral

"A reforma laboral tecnicamente non se pode derrogar. Unha cousa é o fetiche político e outra o que imos facer".

Así se pronunciou esta quinta feira a vicepresidenta segunda ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a clausura da Asemblea da Revolución Uxetista da UXT, na que insistiu en que "derrogar a reforma laboral non é ningún slogan" e se amosou "convencida" de que se vai a alcanzar o acordo entre o Goberno estatal, os sindicatos e a patronal a este respecto.

Esta cuarta feira, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, afirmara que leva tres anos e medio "tentando fuxir de debates estériles" e de "slogans" en relación coa palabra 'derrogar' referida á reforma laboral, e afirmou que os cidadáns "merecen algo máis", como mirar ao futuro e construír un mercado laboral que resolva os problemas do pasado.

Nesta liña, Díaz recoñeceu que será "moi difícil", pero conseguirase un "equilibrio entre representación sindical e patronal". Iso levará tamén a "cumprir co acordo de Goberno", como apuntou a ministra.

"Será moi difícil, pero conseguirase un equilibrio entre representación sindical e patronal", afirmou Díaz.

Un dos obxectivos da futura reforma laboral é "romper o círculo  vicioso da precariedade", que resulta "inxusta e cruel" para os traballadores.

"Tampouco é eficaz en termos económicos. Traballos precarios implica empresas precarias, un tecido económico precario e, en definitiva, un país precario. Sobre a precariedade non se constrúe nada. Necesitamos traballo decente para ter un país decente", subliñou a ministra durante a súa intervención.

Antes de participar no acto, Díaz volveu pedir discreción para que a mesa de diálogo social poida avanzar.