A Policía Nacional detivo en Vigo un empresario do lecer nocturno como presunto autor dun delito contra o dereito dos traballadores e traballadoras e outro relativo á prostitución, pois está acusado de incitar as súas empregadas a exercela deitándose cos clientes.
As pesquisas das últimas datas levaron a Policía a concluír que o home, responsábel dun local de copas da cidade olívica, captaba as súas posíbeis vítimas a través de internet e as redes sociais, ofrecéndolles traballo como camareiras cunhas condicións laborais "moi rechamantes".
O detido contrataba mulleres estranxeiras en situación irregular e con necesidades económicas "urxentes", incitándoas a exercer a prostitución e alentando os clientes a intimar con elas. Por iso, o home foi detido, imputándoselle un delito contra o dereito dos traballadores e outro relativo á prostitución.
As denuncias de particulares a través das canles de colaboración cidadá desembocaron na posterior investigación que rematou agora co responsábel deste estabelecemento, cuxo nome aínda non transcendeu, detido.