A Xustiza declara improcedente o despedimento dunha traballadora do asilo do Carballiño e a CIG exixe a readmisión

Representantes da CIG accederan á Casa do Concello de Carballiño para denunciar as condicións do persoal da residencia. (Foto: Nós Diario)

Cando as traballadoras comezaron a sindicarse, empezaron os despedimentos, denuncian desde a central sindical.

A CIG fixo pública esta sexta feira unha sentenza do Xulgado do Social de Ourense na que se declara improcedente o despedimento dunha traballadora do asilo do Carballiño, afiliada á central sindical, tras o que exixiu ao Padroado da Fundación Irmáns Prieto, presidido polo bispo de Ourense, que readmita a afectada.

A sentenza chega no marco da conflitividade laboral que vive o centro como consecuencia, segundo trasladan sindicato e traballadoras, "do acoso laboral e a represión sindical que a nova xerencia exerce sobre as empregadas máis antigas", buscando "converter en negocio o asilo".

A central sindical presentou ao longo destes meses distintas denuncias para que se respecten as condicións de traballo do cadro de persoal e que se cumpra a normativa en materia de atención ás persoas maiores. Neste contexto, cando as traballadoras comezaron a sindicarse, empezaron os despedimentos, denuncia a CIG.

"Durante os últimos meses mantivemos un pulso coa dirección do asilo do Carballiño polo acoso e a derriba sistemática que esta dirección mantén co persoal que está afiliado ao noso sindicato", explicou Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal de CIG-Ourense.

Pérez Carballo apuntou que o "acoso" traduciuse en dúas cartas de despedimento a dúas traballadoras distintas. Aínda que o sindicato tentou mediar e interceder para "rebaixar o ton", e mesmo mantivo mobilizacións diante do Concello do Carballiño, o bispado de Ourense e a Catedral da cidade, "non houbo solución posíbel porque a empresa negouse en rotundo a levantar o pé do acelerador e chegamos a xuízo".

O secretario comarcal recriminou que, no xuízo, a empresa acusase "unha das traballadoras de cousas gravísimas que atentaban contra a honra e a integridade moral". A pesar diso, asegurou que o sindicato propuxo "saídas intermedias ás que a empresa se negou". Agora a xuíza declarou que o despedimento era improcedente, "é dicir, ilegal, inxusto e ilexítimo", subliñou o sindicalista.

"O bispo ten agora a palabra e ten cinco días hábiles, segundo estipula a lei, para responder", manifestou, lamentando que a lexislación a nivel laboral "é antiobreira", polo que "se lle permite a un empresario cambiar a condena por diñeiro".

Para o sindicalista, sería "curioso á vez que grave" que o representante "dunha igrexa que se di dos pobres" permitise arranxar con cartos a situación nunha fundación que non é súa. "Sería unha inxustiza que deixaría na rúa unha persoa, sen traballo, sen medios de vida", incidiron desde a CIG, polo que exixen que se readmita "inmediatamente a traballadora atendendo á sentenza".