Prezero, a concesionaria do servizo de recollida de lixo na Coruña, despediu o líder do Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL), Miguel Ángel Sánchez Fuentes, así como outros dous membros do comité de empresa. "Serei readmitido", manifestou o líder do STL antes de avanzar un recurso nos tribunais contra o seu cesamento.
Sánchez Fuentes, ademais, atópase actualmente investigado pola Xustiza como presunto xefe dunha trama corrupta para enriquecerse coa cobranza de 'mordidas' a cambio de empregos.
Os despedimentos producíronse tras unha folga na recollida de lixo que tamén motivou sancións, cesamentos e denuncias a outras persoas traballadoras polo mal funcionamento no marco dos servizos mínimos estabelecidos durante o paro.
A situación supuxo toneladas de lixo nas rúas da cidade desde que o pasado 24 de xuño parte do persoal, a instancias do STL, iniciara a folga. Finalmente, foi desconvocada o 8 de agosto.