Desconvocada a folga de autobuses de Santiago que coincidía co festival O Son do Camiño

Os sindicatos, con todo, lamentan a "falta de diálogo durante os últimos catro anos" co Concello.
bus urbano santiago (Foto: Arxina)
photo_camera Autobús urbano de Santiago. (Foto: Arxina)

O comité de folga do transporte urbano de Santiago de Compostela decidiu desconvocar a folga prevista para os días 15, 16, 17 e 18 de xuño —coincidindo co festival O Son do Camiño— após coñecer que o Concello "asume" a doutrina do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en relación á UTE.

Segundo informaron a través de senllos comunicados de prensa CCOO, UXT e CIG, consideran "satisfactoria" a resposta recibida, malia que advirten de que volverán convocar protestas "se quen resulte adxudicatario divide o cadro de persoal".

Explican que a resposta do Concello á pregunta rexistrada no portal de contratación sobre como inflúe nos pregos a sentenza do TSXG no que atinxe ás Unions Temporais de Empresas (UTE) "vai nos termos defendidos pola parte sindical".

A isto comprometeuse o comité na reunión que mantivo cos responsábeis municipais o pasado 22 de maio e ratificada na asemblea de persoal do día seguinte. Con todo, o comité remarcou que isto "non é unha solución definitiva", pero "si a única saída á que se podía aspirar neste momento após a publicación dos pregos".

Aliás, achacan esta situación á "falta de diálogo durante os últimos catro anos", onde os representantes dos traballadores "non tiveron oportunidade de ser escoitados e tidos en conta no Concello para achegar a súa visión nas cláusulas sociais dos pregos".

Inciden en que a "única pretensión" dos sindicatos era que os novos pregos axudasen a non dividir o persoal entre varias empresas, "situación que, de todas as cidades galegas con transporte urbano, só ocorre en Santiago".

"Evitar a división non só favorecería aos traballadores á hora de defender as súas condicións laborais, senón tamén para que se faga un mellor control da calidade do servizo ou do estado dos vehículos. Unha situación que, á vista está, que é algo importante para os condutores e para toda a cidadanía", argumentan.

Comentarios