Delegados e representantes da CIG féchanse na sede da patronal polo "bloqueo á negociación" do convenio dos autobuses
Delegados e delegadas da CIG no transporte de persoas por estrada e representantes da central nacionalista, entre os que se atopa o seu secretario xeral, Paulo Carril pincipiaro un feche na sede da patronal na Coruña (Praza de Luís Seoane) en protesta polo "bloqueo" da negociación colectiva e a "falta dunha reunión de mediación". O feche concluíu sobre a unha do mediodía desta cuarta feira, ao presentarse na sede da patronal a Policía, sen que se producira ningún tipo de incidencia e co fin dunha protesta pacífica, segundo apuntaron os propios axentes.
Hai que lembrar que, na última xuntanza do pasado 12 de febreiro, concluíse que no prazo de 24 horas a patronal enviaría unha contestación á proposta que CCOO puxo enriba da mesa. Porén, "case unha semana despois, e ignorando as regras da mediación, o empresariado continúa dilatando todo o proceso negociador e dando mostras da súa mala fe", afean desde a CIG.
A central nacionalista entende que "estamos ante un paso máis no disparate e a irresponsabilidade patronal na súa vontade por impor un acordo que foi rexeitado por 70% do persoal nun referendo vinculante para todas as partes". Esta nova actuación empresarial "súmase a todas as demais vividas desde o comezo do conflito, co único obxectivo de bloquear a negociación, dinamitar o procedemento de mediación con manobras dilatorias e deixar a CIG á marxe", censuran desde o sindicato.
Esta actuación constitúe para a CIG "unha descarada ruptura dos procedementos da mediación laboral e do espírito do AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo), agravada co recoñecemento por parte da patronal de que mantén aberta unha negociación con CCOO fóra deste marco". Nun contexto, ademais, "no que UXT abandonou a mediación tras anunciar que traballa para asinar un convenio de eficacia limitada".
Manifestación este domingo en Compostela
A CIG ten convocada unha manifestación para o vindeiro domingo, 22 de febreiro, con saída ás 12 horas da estación intermodal de Santiago de Compostela para exixir o "desbloqueo" da negociación e un convenio "digno" para o sector do transporte de viaxeiros e viaxeiras .
Desde a central sindical animaron a todo o persoal do sector a participar na manifestación deste domingo para reclamar “un convenio que realmente contemple avances nas condicións laborais e salariais e non supoña unha regresión nos dereitos xa conquistados e para denunciar tamén o despropósito que está sendo todo este proceso do punto de vista formal”.
