O Consello de Ministros aprobará na terza feira o proxecto de lei de redución de xornada
Yolanda Díaz fixo o anuncio no congreso de CCOO Industria que decorre en Toledo.
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, anunciou esta quinta feira que o Consello de Ministros aprobará a vindeira terza feira, 29 de maio, o proxecto de lei de redución da xornada laboral, "a política máis difícil" que agora "vai tocar defender". Durante a súa intervención na clausura do congreso de CCOO Industria que decorre en Toledo, asegurou que se trata da "medida que máis desexa o conxunto dos españois, voten a quen vote".
Tras a aprobación por parte do Executivo español, pediu agora "converter o que é de sentido común na rúa en sentido común" no Congreso para convencer a todos os grupos políticos. "Non vai ser fácil, imos ter que deixar a pel con intelixencia, con argumentos", subliñou. O Goberno español aprobou o 4 de febreiro de 2025 o anteproxecto de lei para reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais. Esta redución implementarase sen que haxa diminución nos salarios dos traballadores e das traballadoras.
Díaz afondou na necesidade de facer ver ao conxunto do Congreso e da sociedade que "traballando menos vívese máis" e con esta medida conseguirase a "tarefa sen precedentes de repartir a produtividade" das empresas "entre o conxunto de España". Unha produtividade que, segundo os seus datos, creceu un 53% desde 1995 e non se repartiu entre a clase traballadora do Estado. "Chegou a hora de dicir aos traballadores que non teñen convenios colectivos que verán reducida a xornada laboral, que en España non hai traballadores de primeira e de segunda, que todo o mundo ten dereito a traballar menos e manter o salario para vivir con dignidade", insistiu.
Con todo, celebrou que a terza feira se aprobe "definitivamente" este proxecto de lei, polo que pediu aos sindicalistas presentes na sala que agora percorran o país "de arriba a abaixo" para facer didáctica da proposta. "Imos coas ferramentas clave para gañar esta batalla", dixo.
Tal e como afirmou, conseguiuse un acordo de diálogo social cos sindicatos tras once meses "de tentar até a extenuación todo o posible para o acordo coa patronal". "Eu fixen o que me pedistes. En xaneiro empezamos unha negociación. En febreiro, os sindicatos e a patronal pediron tentalo de maneira bilateral. Retireime da negociación. En maio, os sindicatos dixéronme que o que estaba a facer a patronal era marear a perdiz e desde maio até decembro fixemos o que tiñamos que facer, alcanzar un acordo de diálogo social", salientou.
Por último, volveu a reiterar que a terza feira entrará no Congreso dos Deputados a redución da xornada. "Fagamos posíbel o que España necesita. Necesitamos despregar a axenda social. O primeiro é a redución da xornada, pero o seguinte, compañeiros e compañeiras, é eliminar a precariedade que queda en España", dixo, pondo o punto de mira no seguinte paso, "o Estatuto do Bolseiro".
Cara ás 32 horas
O pasado mes de febreiro, BNG e CIG impulsaron unha Proposición de Lei tramitada polo BNG recolle as principais propostas da CIG para a redución da xornada laboral a 35 horas —no camiño de avanzar cara a xornada de catro días, 32 horas á semana— para facilitar o descanso, a conciliación e a desconexión das persoas traballadoras. O secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío, compareceron en rolda de prensa xunto ao deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, para explicar os detalles dunha iniciativa que inclúe tamén medidas sobre a regulación da xornada para frear a precariedade e dignificar a contratación a tempo parcial.