martes 25.02.2020

Conflito sindical no corazón de Hotusa

Unha sentenza deixa en evidencia o Grupo Hotusa en Chantada. O imperio de Amancio López Seixas suma outra resposta xudicial ao curriculo do maior consorcio de hoteis do mundo, desta vez na súa propia vila natal. Traballadoras e traballadores logran, por vez primeira,  delegadas sindicais nun dos seus departamentos.
Instalacións de Hotusa en Chantada (Cedida)
Instalacións de Hotusa en Chantada (Cedida)

O imperio de Amancio López Seixas mostra a súa peor cara en Chantada. O propietario do maior consorcio de hoteis independentes do mundo decidiu apostar en 2012 por achegarse á súa vila natal instalando un pequeno centro de traballo que ampliou en 2017 até chegar na actualidade a contar no seu cadro de persoal con case 300 traballadoras e traballadores. 

Delegación sindical

Ana Laxe chegou ao grupo Hotusa hai case tres anos e como moitas persoas en Chantada alegrouse de que medrara na vila unha iniciativa semellante. Os problemas viñeron en pouco tempo. En 2019 o persoal do seu departamento decide convocar eleccións sindicais para reivindicar os seus dereitos e denunciar o incumprimento do convenio. A empresa contesta que as condicións son así "porque a empresa é súa", explica Laxe a Nós Diario, "e non pagan nocturnidades porque aseguran que xa cobramos de máis", engade. Conta como anécdota que cando chegou comentáranlle que "a única representante sindical era a filla de Amancio". 

Ás agachadas, por medo ao despido, falan varias compañeiras e presentan unha listaxe pola CIG. Antonio Niño, secretario comarcal da CIG Lugo, explica a Nós Diario que cando se saben  as persoas que se presentan ás eleccións veñen as ameazas. "Soportaron todo tipo de presións e a ameaza de levarse o centro de traballo a Madrid". A asemblea ten lugar e a empresa considera que non é legal.

Sentenza e calma tensa

Agora unha sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Lugo pon en evidencia a intención de Hotusa e considera válida a primeira asemblea do persoal. Considera que as delegadas non tiveron tempo material de comezar o seu traballo sindical. "O mesmo día da votación quixo levar a acta o supervisor que tiña que ir a Lugo e en realidade a viaxe era para convocar outra asemblea, con tan mala sorte que primeiro presentou a convocatoria e logo a acta", engade a Ana Lage.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios