O comité de Alcoa pide reunir a mesa de seguimento tras o novo acordo de investimento con Ignis
O comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), insistiu esta segunda feira en facer unha nova petición para que se convoque a mesa de seguimento do complexo tras o principio de acordo alcanzado pola multinacional estadounidense coa firma Ignis Eqt para que sexa socia investidora na planta.
O comité lembra que é obrigatorio facer unha reunión cada tres meses da mesa de seguimento, punto que "se incumpriu" no terceiro trimestre.
Por outra parte, a representación do persoal da fábrica de Alcoa solicitou unha reunión coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado da formación no Congreso, Néstor Rego, dada a súa representación na Cámara Baixa e para exporlles a situación da planta.
A pasada semana, Alcoa anunciou un principio de acordo con Ignis Eqt para que entre como socio investidor nun 25% do complexo da Mariña, cun investimento comprometido total duns 25 millóns de euros.
"Unha boa saída"
Neste sentido, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, considerou esta segunda feira que o principio de acordo de cooperación estratéxica alcanzado entre Alcoa e Ignis Eqt para a continuidade da factoría é "unha boa saída" de producirse "acordo cos traballadores".
Branco non concretou esta opción, mais afirmou que o Executivo español estivo "sempre á beira da continuidade das actividades" en Cervo. "O Goberno vai seguir sempre á beira dos traballadores, dos concellos e dos veciños da Mariña", dixo, instando a "seguir empuxando" e a "ser positivos".
O delegado do Goberno español admitiu que a actual é aínda "unha primeira fase" e confiou en que esta opción permita manter a produción industrial e "garanta os empregos". Por iso, apostou por "falar cos sindicatos e cos traballadores". "Sempre imos apostar porque se cumpra o acordado cos traballadores", concluíu.