A CIG reivindica este 25 de Xullo a soberanía para “avanzar no benestar da clase traballadora”
O sindicato nacionalista chama a participar nas mobilizacións e nos actos que o conxunto do nacionalismo galego ten convocados para o Día da Patria Galega.
A CIG emitiu un comunicado con motivo do Día da Patria Galega no que sinala que “Galiza é unha nación sen estado, negada dos seus dereitos nacionais”. “Somos o sindicato maioritario da clase traballadora galega, dunha nación oprimida, co galego como lingua propia en estado de emerxencia crítica. Polo tanto, somos a expresión da capacidade de autorganización do pobo galego como vía para decidir por nós mesmos o noso futuro como clase e como nación”, manifesta.
O comunicado principia sinalando que “afrontamos este 25 de Xullo nunha crítica situación internacional marcada pola guerra, o crecemento do gasto militar e o xenocidio do pobo palestino. Unha realidade agravada pola ofensiva do capitalismo neoliberal que busca reforzar a explotación de clase e a dominación colonial dos pobos e das nacións”.
É por isto que hoxe, afirma, “máis ca nunca, é necesario o respecto á soberanía económica e política dos pobos e das nacións, porque é inaprazábel a construción dun mundo asentado na xustiza, na solidariedade, na cooperación, na igualdade e na paz”.
“A nosas reivindicacións dunhas mellores condicións de vida e da necesidade de avanzar na igualdade e no benestar da clase traballadora están directamente relacionadas coa capacidade de poder decidir do pobo galego”, afirma a central nacionalista.
“Queremos decidir sobre o noso modelo económico e social para poder aplicar un conxunto de políticas públicas que concentren todos os recursos en favor das maiorías sociais, como único xeito de ter emprego, salarios e ingresos dignos, garantindo unha protección social plena, sen exclusións, consolidando o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo”.
Soberanía e autogoberno
A CIG mantén que “necesitamos soberanía e autogoberno real para aproveitar os moitos recursos que temos dispoñíbeis no noso país (produción de enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, actividade de produción e transformación no sector agrario e pesqueiro, etc.) e poñelos ao servizo da creación de emprego digno, para completar os ciclos produtivos no propio país, aumentar o valor engadido en sectores básicos da nosa economía e diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais, procurando un mellor equilibrio territorial e ambiental, garantindo unha rendibilidade social e non privada e evitando a destrución de emprego e a emigración”.
Por iso, conclúen, “hoxe máis ca nunca, reivindicar o dereito a decidir é vital para facerlle fronte xusta e democraticamente a toda esta situación, dispoñendo así dunha alternativa que faga viábel un futuro no que poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra e na nosa lingua”.